Máis de 500 persoas participan en Ponteareas na xornada de convivencia do programa +Convivir

A Deputación de Pontevedra organizou actividades de aprendizaxe, baile e música para recoñecer o labor do movemento veciñal na dinamización social e cultural do municipio
DEPU PONTE convivir
25 Oct 2026

Máis de medio millar de persoas participaron este sábado, 24 de outubro, na xornada de convivencia do programa +Convivir celebrada en Ponteareas. A iniciativa, impulsada pola Deputación de Pontevedra, reuniu o movemento veciñal no Complexo Deportivo Álvaro Pino cunha programación que combinou actividades lúdicas, formación e recoñecemento ao compromiso das asociacións coa vida sociocultural da localidade.

O deputado provincial Javier Tourís asistiu ao encontro, que forma parte da terceira edición de +Convivir. Durante a xornada, destacou a importancia de crear espazos de reunión e fortalecer os vínculos entre a veciñanza para favorecer o desenvolvemento da provincia. Tamén agradeceu a implicación das persoas participantes na dinamización da vida social e cultural de Ponteareas.

A programación incluíu unha charla sobre o alzhéimer impartida por AFAGA, unha sesión de risoterapia a cargo de Mónica Novas e unha actividade de baile. A xornada completouse con música dun DJ e un refrixerio para as persoas asistentes.

Un programa que percorre a provincia

A terceira edición de +Convivir comezou en setembro en Cangas de Morrazo e xa pasou por Poio, As Neves, Marín, Agolada e Ponteareas. A iniciativa continuará durante 2026 nos municipios da Estrada, Meaño, Vilaboa, Salvaterra de Miño e Valga.

O programa busca favorecer a convivencia e recoñecer o papel das entidades veciñais na dinamización dos municipios, a través de propostas que combinan participación, aprendizaxe e lecer.

Nas dúas edicións anteriores, a iniciativa da Deputación de Pontevedra reuniu máis de 10.000 persoas. +Convivir enmárcase nunha liña de actuacións provinciais que inclúe tamén programas como Provincia Comunitaria, +Aqua e +Novaqua.

0.38134503364563