Máis de 54 millóns de euros para modernizar oito parques eólicos da provincia de Pontevedra

Sete dos proxectos beneficiarios localízanse na comarca de Deza-Tabeirós e recibirán preto de 42 millóns de euros de fondos europeos
parque-eolico
7 Aug 2026

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, destacou o impacto que terá na provincia a segunda convocatoria do programa de Repotenciación Circular (REPOTEN 2), impulsado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) para modernizar instalacións de enerxías renovables xa existentes.

A resolución definitiva concede 54.996.286 euros a oito proxectos de repotenciación eólica na provincia de Pontevedra, actuacións que mobilizarán un investimento subvencionable de 448,65 millóns de euros. As axudas están financiadas con fondos NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

A maior parte dos proxectos seleccionados concéntranse na comarca de Deza-Tabeirós, onde se sitúan sete das oito iniciativas beneficiarias, nos concellos de Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Cerdedo-Cotobade e Forcarei. Estas actuacións recibirán en conxunto 41,77 millóns de euros e representan un investimento subvencionable de 381,86 millóns.

O oitavo proxecto corresponde á repotenciación do parque eólico Montouto 2000, na Cañiza, que contará cunha achega de 13.223.775 euros, a maior subvención individual da provincia, para unha actuación cun investimento subvencionable de 66,79 millóns de euros.

Abel Losada subliñou que o obxectivo destas axudas non é só incrementar a produción de enerxía renovable, senón facelo de maneira máis eficiente e respectuosa co territorio, mediante a modernización de instalacións xa existentes e a incorporación de tecnoloxías máis avanzadas.

Os oito proxectos pontevedreses forman parte do Programa 1 de REPOTEN 2, destinado á substitución de aeroxeradores antigos por outros menos numerosos, pero de maior potencia e rendemento. Estas actuacións tamén poden incluír sistemas de almacenamento enerxético asociados.

No conxunto do Estado, os 81 proxectos seleccionados permitirán substituír preto de 3.000 aeroxeradores antigos por menos de 500 novos, aumentando de forma significativa a capacidade de produción renovable e reducindo ao mesmo tempo a ocupación do territorio, o impacto paisaxístico e o risco de colisión para as aves.

Galicia é a comunidade autónoma con maior número de proxectos beneficiarios nesta convocatoria, con 40 expedientes aprobados, dos que 24 corresponden a parques eólicos e 16 a centrais hidroeléctricas.

0.34276103973389