Máis de 8.600 mozos e mozas galegos solicitaron xa o Bono Cultural Xuvenil 2026 no seu primeiro mes

Pontevedra encabeza o número de peticións con 3.532 solicitudes, seguida moi de preto pola Coruña, con 3.515. En Lugo rexistráronse 812 solicitudes e en Ourense outras 813
bono-cultural-goberno
26 Jul 2026

Máis de 8.600 mozos e mozas galegos nacidos no ano 2008 solicitaron xa o Bono Cultural Xuvenil 2026 durante o primeiro mes de vixencia da convocatoria. Galicia suma así 8.672 solicitudes, unha cifra que representa preto dun terzo das 26.018 persoas que este ano cumpren 18 anos na comunidade e que poden acceder a esta axuda impulsada polo Ministerio de Cultura.

Por provincias, Pontevedra encabeza o número de peticións con 3.532 solicitudes, seguida moi de preto pola Coruña, con 3.515. En Lugo rexistráronse 812 solicitudes e en Ourense outras 813. No conxunto do Estado, o programa xa superou as 202.000 solicitudes apenas un mes despois da súa posta en marcha.

O Bono Cultural Xuvenil alcanza este ano a súa quinta edición e mantén unha contía de 400 euros para cada beneficiario. Como principal novidade, os fondos poderán empregarse non só na adquisición de produtos e servizos culturais, senón tamén na compra de instrumentos musicais, material para a creación artística e cursos formativos relacionados coa cultura.

O Ministerio de Cultura destaca que esta ampliación busca fomentar unha participación máis activa da mocidade na vida cultural e apoiar tamén os procesos creativos e formativos. As persoas beneficiarias poden optar por distribuír os 400 euros entre diferentes categorías culturais ou dedicar a totalidade da axuda a unha única modalidade, como cursos culturais, instrumentos musicais ou material artístico.

Entre os gastos subvencionables inclúense entradas para espectáculos, concertos, cinema, museos, exposicións, festivais e actividades culturais; a compra de libros, revistas, videoxogos, discos e publicacións; así como subscricións a plataformas dixitais, audiolibros, prensa en liña e cursos de temática cultural.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, en Galicia residen este ano 26.018 persoas que cumpren os requisitos para acceder ao programa. Delas, 10.981 viven na provincia da Coruña, 9.785 en Pontevedra, 2.656 en Lugo e 2.596 en Ourense.

Unha vez concedida a axuda, os beneficiarios dispoñerán dun prazo dun ano para gastar os 400 euros nos establecementos adheridos ao programa. Actualmente existen 3.952 entidades colaboradoras en toda España, das que 349 están situadas en Galicia.

As solicitudes poden presentarse ata o próximo 31 de outubro a través da páxina web do Bono Cultural Xuvenil. Para completar o trámite é necesario contar cun sistema de identificación dixital, como Cl@ve ou certificado dixital, aínda que tamén se permite realizar a xestión mediante representación dunha persoa adulta.

Desde a súa creación en 2022, o Bono Cultural Xuvenil beneficiou xa a máis de 1,29 millóns de mozos e mozas en toda España. Na edición de 2025 alcanzouse a cifra récord de 363.054 beneficiarios, consolidando esta iniciativa como unha das principais medidas de apoio ao acceso da mocidade á cultura.

0.34160304069519