Máis dun milleiro de traballadores protestaron en Vigo contra o bloqueo dos convenios

Máis de 1.100 persoas traballadoras de toda Galicia concentráronse onte diante da sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra, en Vigo, para denunciar o bloqueo patronal da negociación colectiva e reclamar “repartir a riqueza” nun contexto no que, segundo denunciaron, as empresas “multiplican beneficios”.
A mobilización, convocada por CCOO de Galicia, rematou cunha asemblea de delegados no Auditorio Mar de Vigo baixo o lema “A forza de cambiar as cousas: salarios, vivenda e democracia”.
A secretaria xeral do sindicato, Amelia Pérez, criticou a campaña contra o chamado absentismo e advertiu que “o absentismo son as faltas inxustificadas”. Ademais, reclamou abordar cuestións como as listas de agarda sanitarias, os accidentes laborais ou o acceso á vivenda, asegurando que “non son slogans, son as tarefas que temos pendentes”.
Durante a súa intervención, defendeu o papel “sociopolítico” do sindicato e asegurou que “non imos renunciar a repartir a riqueza” nin a defender servizos públicos de calidade porque “iso tamén é combater a precariedade”.
Pola súa banda, o secretario confederal de Acción Sindical de Comisiones Obreras, Javier Pacheco, pediu recuperar o Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva e acusou á patronal de utilizar “a trampa do absentismo para camuflar a súa negativa a distribuír beneficios”.