Manifesto 25N preséntase mañá no Pazo de San Marcos

Este xoves preséntase na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos Manifesto 25N, unha publicación que reúne as voces de trinta autores e autoras galegas que reflexionan sobre a violencia contra a muller.
O volume é o resultado dun certame creativo impulsado pola Asociación Cultural Caldaloba en novembro pasado, coincidindo co Día Internacional da Violencia contra a Muller. Recolle 30 das máis de 70 achegas que se remitiron por parte de creadores e creadoras da escrita e das artes plásticas de toda Galiza.
Poemas, narracións, colaxes, debuxos, ilustracións, pinturas ou caligramas conforman o volume, publicado por Alvarellos Editora coa colaboración do Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
As persoas interesadas en asistir á presentación deben inscribirse no enderezo electrónico cultura@deputacionlugo.gal, indicando nome, DNI e contacto.
