Manzaneda reunirá a bandas de gaitas de Galicia, Asturias, Cataluña, Madrid, Mallorca e Portugal no XVII Certame Celtibérico

A música tradicional volverá ser protagonista en Manzaneda coa celebración do XVII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, unha cita que reunirá os días 25 e 26 de xullo a centos de músicos procedentes de diferentes puntos da Península.
O evento, organizado coa colaboración da Deputación de Ourense, foi presentado este mércores no Pazo Provincial nun acto no que participaron o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; o alcalde de Manzaneda, Pedro Yáñez; o xefe da área de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices; e o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo.
Durante a presentación, Rosendo Fernández destacou que o certame é “un referente do folclore na Península e un gran complemento educativo á actividade da Escola de Gaitas”. A convocatoria contará coa presenza de agrupacións de Galicia, Asturias, Cataluña, Madrid, Mallorca e Portugal.
Pola súa banda, Xosé Lois Foxo lembrou a relación histórica de Manzaneda coa música tradicional e explicou que “Manzaneda foi un referente dos cantares de seitura”, ao tempo que sinalou que o certame contribúe a “poñer en valor os cánticos históricos e a dignificar a figura das cantareiras”.
Como principal novidade desta edición, participarán bandas de gaitas procedentes de Baleares, unha incorporación que permitirá achegar ao certame as denominadas “cornamusas mediterráneas”. Foxo definiu a cita como “o máis internacional de gaitas que se fai en Ourense e en toda Galicia” e puxo en valor o apoio da Deputación á cultura, á que cualificou como “exemplo de administración”.
O xefe da área de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices, destacou tamén o carácter “histórico, etnográfico e cultural” do evento, así como o seu papel como “factor dinamizador para toda a comarca”.
As actividades comezarán o sábado 25 de xullo co IX Serán de Seitura, unha proposta centrada no patrimonio oral e etnográfico que terá lugar a partir das 19.30 horas na praza da Igualdade.
Durante esta xornada haberá diferentes actuacións e realizarase unha ofrenda floral ante o monumento a Ludivina Pérez Ricoi, ademais dunha homenaxe póstuma a Aquilino Pérez Prieto da Vidueira.
A programación continuará coa Noite Celta, prevista para as 23.00 horas na Estación de Montaña de Manzaneda.
Xa o domingo 26 de xullo, o Campo de Competicións de Cabeza de Manzaneda acollerá a fase final do certame, unha edición que estará dedicada á memoria de Gabino García, alcalde de Manzaneda entre 1974 e 1995.