María Reigosa ratifica o seu apoio á moción de censura en Lugo e defende un cambio de etapa

A concelleira non adscrita no Concello de Lugo María Reigosa Castro fixo público un comunicado no que confirma o seu apoio á moción de censura acordada co Partido Popular, unha decisión que será clave para o cambio de goberno na cidade. A edil, que formou parte do executivo local polo PSOE, explica que este xoves, 7 de maio, votará no pleno municipal extraordinario a favor da iniciativa “desde a responsabilidade” e coa convicción de que é necesario abrir unha nova etapa.
Reigosa sinala que tomou esta determinación tras un proceso de reflexión no que concluíu que Lugo precisa “recuperar estabilidade, confianza institucional e unha forma de gobernar máis útil para a cidadanía”. Neste sentido, aposta por un modelo centrado na resolución dos problemas diarios, na mellora dos servizos básicos e nunha planificación a medio e longo prazo.
No seu comunicado, a concelleira explica que a súa entrada no goberno municipal tiña como obxectivo contribuír co seu perfil técnico, pero recoñece que co paso do tempo foi detectando dinámicas internas coas que non se sentía identificada. “Fun comprobando formas de funcionamento […] coas que non me sentía cómoda nin identificada”, afirma, en referencia ao executivo formado por PSOE e BNG.
Entre os motivos que a levaron a dar este paso, destaca problemas de coordinación interna, discrepancias en expedientes administrativos e cuestións relacionadas con facturas ou responsabilidades, que, ao seu xuízo, evidencian unha forma de xestión afastada do rigor. “Lugo necesitaba outra maneira de gobernar: máis organizada, máis transparente e máis centrada en solucionar os problemas dos lucenses”, subliña.
Reigosa tamén expresa a súa preocupación por determinadas prácticas na administración local e reivindica unha xestión baseada na legalidade e na asunción de responsabilidades. “Gobernar significa asumir responsabilidades e afrontar os problemas conforme á legalidade e ao interese público”, sostén.
Outro dos aspectos que critica é a confrontación con outras administracións, unha actitude que considera afastada do que demanda a cidadanía. “A cidadanía espera […] diálogo, colaboración e solucións, non conflitos permanentes”, indica.
A edil mostra ademais a súa confianza no proxecto liderado por Elena Candia como alternativa de goberno e insiste en que a súa implicación política responde unicamente ao compromiso coa cidade. Neste sentido, lembra a súa condición de funcionaria e subliña que a súa traxectoria profesional é allea á política.
O comunicado remata cunha reflexión sobre o clima político, no que reclama respecto e convivencia. “A política non pode converterse nun espazo de odio nin de presión persoal contra quen pensa diferente”, conclúe.