María Vázquez: “Poñer en valor o propio non debería ser unha elección, senón unha obriga”

A actriz María Vázquez recibiu o XXIII Premio Ramón Piñeiro Facer País concedido pola Asociación Cultural Val de Láncara por reivindicar a cultura galega na súa profesión e na súa vida
María-Vázquez-actriz
11 Jan 2026

Jessica Fernández

A recoñecida actriz María Vázquez acumula arredor de 50 aparicións en películas, series, curtametraxes e obras teatrais, o que a fai unha das máis prolíficas do cine galego actual. Cunha paixón por actuar desde pequena, xa que “eu sempre fun bastante teatreira”, ao principio pensaba que a súa vocación era a danza, “pero cando vin que nos exames sacaba sobresaínte en expresión e só un suficiente en técnica, algo xa me estaba querendo dicir a vida. Así, empecei a actuar como complemento da danza, e aí dinme de conta de que iso era o meu”.

Con esa vocación, comezou a actuar, como todos, con papeis pequenos en series de televisión, que lle impulsaron a medrar no mundo audiovisual e a conseguir que a chamaran para a súa primeira película, ‘Silencio roto’, no ano 2001 da man do director Moncho Armendáriz, a quen lembra con destacado agarimo sostendo que é “un cineasta incrible”, así como ao filme, do que di ser o seu favorito “por ser o primeiro, e o que marcou a miña maneira de actuar e o tipo de actriz que quería ser”. Ademais, pon en valor a temática, “porque trata sobre a Guerra Civil e a posguerra. Creo que é unha película moi moderna incluso hoxe en día, cunha visión feminista impresionante, porque ao final conta a historia desde o punto de vista das mulleres, algo que antes non se facía, e tamén mostra unha parte da historia descoñecida e debería estudarse, porque para reparar primeiro hai que coñecer e saber. Foi unha sorte que fose a primeira película dun cineasta tan importante cunha temática tan interesante”.

Outras películas que destaca María son ‘Mataharis’, de Icíar Bollaín, pola súa “temática social, na que consolidei que o cine social era algo que me gustaba moito”; e ‘Matria’, porque “para min foi como a confirmación de que unha película pequena en galego, que falaba tanto de nós, pode transcender máis alá de Galicia ao visibilizar mulleres, desmitificar heroínas e poñer en valor a familia. Estas son as tres películas que marcaron moito a miña carreira”, destaca.

ACTRIZ E COMPROMETIDA

Todo este percorrido non só constata a calidade de María Vázquez como actriz, senón tamén como muller feminista e comprometida coa cultura e con Galicia, razón pola que foi premiada co galardón ‘Facer País’ da Asociación Cultural Val de Láncara. A artista recoñece que lle custa moito poñerse en valor e non considera que mereza o premio, porque pensa que “poñer en valor o propio non debería ser unha elección, senón unha obriga, xa que temos que defender o feminismo, a igualdade, a lingua e o rural”.

Nada en Vigo, pero con raíces fondas en Carballedo, María Vázquez criouse na Barrela, pero tamén está ligada á zona de Chantada, na Ribeira Sacra. Por iso, cando marchou estudar fóra, sempre tivo claro que quería volver. “Naquela época a profesión era máis centralista: se non estabas en Madrid ou Barcelona, non había posibilidades de chegar a algo, pero eu sempre quixen facer cousas aquí. Sempre tiven claro, e así o falei coa miña representante, que non quería abandonar Galicia. Aquí había menos industria, pero para min merecía a pena cobrar menos por contar as miñas historias na miña lingua. Para min era moi importante coidar esa parte”, subliña. Ademais, engade que “quixen mostrar que se pode traballar aquí, sobre todo á xente nova, que non hai que marchar de Galicia. Aínda que recoñezo que estou nunha situación privilexiada e que non sempre é fácil, pero si que se pode. E canta máis xente esteamos aquí, máis sinxelo será”.

Para min vivir no rural identifícame; cando estou aquí sinto que estou no meu sitio

Apostar polo rural é un dos valores que máis se intentan transmitir hoxe en día, tanto desde a cultura, con persoas comprometidas como María Vázquez, como desde as institucións, pero o problema do despoboamento segue aí. Por iso, preguntada sobre por que compensa vivir no rural, María teno claro: “Para min vivir no rural identifícame; cando estou aquí sinto que estou no meu sitio. Hai moitas cousas que debemos poñer en valor, moitas historias que aínda quedan por contar de xente de aquí e que deben coñecerse para que non desaparezan, como as tradicións, e darlle valor ás cousas do rural. Temos que intentar ser cada vez máis para poñer en valor e esixir que non se nos impoña outro tipo de culturas; está moi ben mesturar, pero sen perder as nosas. Non podemos perder toda a esencia do bo que temos. As cidades ofrecen unhas oportunidades e as vilas outras, e tamén debemos reivindicar oportunidades de emprego e cultura aquí, así como contar con boas comunicacións para desprazarnos ás cidades a consumir outras actividades relacionadas coa cultura, pero seguir asentándonos na nosa terra”. E engade que “cando nos deamos conta de que as persoas temos suficiente forza, podería comezar a cambiar a situación, sen deixarnos en mans dos poderosos, dos políticos ou dos que teñen diñeiro. A xente do pobo debe conseguir o que esixe”.

O FUTURO DO SECTOR

María Vázquez, con case 30 anos no sector, explica que ser actriz ou actor “é un traballo de altos e baixos; unha carreira de fondo, de moito traballo e resistencia”. Por iso, detalla que a traxectoria “non foi un camiño de rosas, pero tampouco me podo queixar, porque ao fin e ao cabo vivín a miña profesión case desde o principio. Tiven moita sorte e son moi privilexiada, porque, desgraciadamente, só o 7 % das persoas que se dedican á miña profesión vive dela. Por iso, creo que tamén somos responsables do que mostramos aos demais; como os premios, as alfombras vermellas... Sempre queremos copiar ese estilo máis hollywoodiense, non? Levamos traxes e xoias que en realidade ninguén podemos pagar, todo é prestado. Entón, damos unha imaxe totalmente distorsionada, que non é real, e que non mostra a verdade: que a maior parte da xente que está nesas alfombras non vive da súa profesión. Temos a responsabilidade de ser máis realistas e coherentes coa nosa profesión, e por iso penso tamén que deberiamos cambiar a forma de vendernos e de mostrar os nosos premios. A min gústame máis participar en festivais pequenos, como o de Cans do Porriño, porque creo que nos identifican máis como galegas e galegos, e teñen máis que ver coa industria local, co rural, coas cousas pequenas”.

Ademais, asegura que, aínda que parece que o sector vai mellorando porque se fan máis cousas, “aínda hai moita precariedade, xa que se traballa moito máis a menor prezo, polo que hai que darse a valer e valorar o traballo da xente”, defende. “Ao ser profesións moi vocacionais, parece que ás veces todo vale; e eu creo que temos que seguir loitando para que, sobre todo, estas grandes plataformas que nos traen contratos ao estilo de Estados Unidos, pero a prezos de aquí, nos valoren. Tampouco creo que estea ben o consumo excesivo de contidos nas plataformas, porque aínda que dá máis traballo, teño certa nostalxia daqueles tempos nos que tardabas unha semana en ver outro capítulo. Daba tempo a dixerilo. Tal como o facemos agora, non te lembras de nada do que viste a semana pasada”, comenta. Finalmente, explica que, con respecto aos seus proxectos de futuro, seguirá actuando e, as estreas máis recentes son Rondallas, de Daniel Sánchez Arévalo; e O pesadelo das vacas, de Rafa de los Arcos, “que creo que será unha película potente, cun personaxe moi potente, centrada no rural e no interior, moi interesante”. Con todo, conclúe que o seu obxectivo de futuro é “seguir facendo país desde en Chantada e seguir poñendo en valor a cultura no rural, achegando a cultura ao maior número posible de persoas”.

⚙ Configurar cookies
0.2428560256958