Marisquiño reunirá este agosto en Vigo a referentes do skate e o BMX adaptado

As probas celebraranse no recinto da praia de Samil, coa participación de riders convidados de oito países de Europa e América
skate-e-bmx-adaptado
25 Jun 2026

Marisquiño reunirá este verán en Vigo a algúns dos principais referentes internacionais do skate e o BMX adaptado. Do 7 ao 9 de agosto, o recinto da praia de Samil acollerá ambas competicións, nunha liña de traballo que sitúa ao festival entre os poucos eventos no mundo con deporte adaptado no seu programa oficial.

A aposta de Marisquiño por estas disciplinas, impulsada desde os seus inicios co apoio da Fundación Bimba e Lola, comezou en 2024 coa incorporación do Adaptive Skateboarding e ampliouse un ano despois co Adaptive BMX. En 2026, a competición volverá ter un formato Open dirixido a calquera rider con discapacidade. Aos deportistas convidados pola organización sumaranse participantes inscritos a través da convocatoria aberta, un modelo que amplía o acceso á competición e reforza a dimensión inclusiva das probas.

As probas de Adaptive Skateboarding reunirán en Vigo a deportistas procedentes dos Estados Unidos, Brasil e España. Entre os convidados desta edición figura o vixente campión de Marisquiño, Vinicios Sardi, un dos riders máis destacados desta disciplina a nivel mundial e presidente da Asociación Brasileira de Paraskateboarding; o tamén brasileiro Tony Alves, rider profesional e vicepresidente da mesma asociación; a estadounidense Tia Pearl, unha das competidoras máis destacadas do panorama feminino, con catro títulos mundiais e dous triunfos consecutivos no Dew Tour; e o rider de Las Vegas Edward Jeffries, campión do mundo de WCMX en 2023 e participante na primeira exhibición de skate adaptado nos Xogos Olímpicos de París.

O programa complétase con Anthony Ferraro, atleta, músico e conferenciante cunha ampla proxección internacional nas redes sociais, que practica skate adaptado e forma parte do equipo olímpico estadounidense de judo; e Oscar Loreto Jr., figura clave na difusión do skate adaptado nos Estados Unidos durante a última década a través de proxectos deportivos e empresariais. Esta edición volverá contar, ademais, co español Marcelo Lusardi como embaixador do proxecto, skater coñecido internacionalmente como The Blind Rider.

A competición de Adaptive BMX contará con figuras destacadas de sete países. O colombiano Julián Molina e o español Juanje Trujillo, dous dos principais riders internacionais desta disciplina, serán de novo embaixadores da proba. Molina, presidente da Asociación ParaBMX Freestyle, fixo historia ao converterse no primeiro rider adaptado convidado a competir en X Games Real BMX, onde obtivo dous premios. Trujillo, con máis de 15 anos de traxectoria, foi unha figura clave no impulso do BMX adaptado en España.

Xunto a eles competirán Dan Butler, figura destacada desta disciplina no Reino Unido, con experiencia en competicións internacionais; o estadounidense Derek Pobuta, rider e colaborador da organización 50 Legs; o arxentino Claudio Sandoval, con dúas décadas de traxectoria en BMX; o mexicano Carlos Gil, rider con percorrido en competicións locais e unha traxectoria vinculada tamén a disciplinas de montaña; e o andorrano Sergi Santin, integrante do equipo ParaBMX desde a súa fundación. Este grupo de riders reflicte o crecemento internacional do BMX adaptado e o papel cada vez máis relevante dunha comunidade deportiva en plena expansión.

A relevancia destes perfís vai máis alá dos seus logros deportivos. Varios dos riders convidados presiden asociacións, imparten formación, impulsan proxectos empresariais e crean contidos que amplían o alcance público destas disciplinas adaptadas. A súa participación converte a Marisquiño nun espazo de encontro para unha comunidade internacional envorcada en abrir novas oportunidades para deportistas con discapacidade.

“Estes riders, ademais de competir, fan que outras persoas con discapacidade poidan imaxinarse practicando estas disciplinas ou calquera outro deporte. Esa capacidade de inspirar e crear referentes é unha das cousas máis valiosas deste proxecto”, sinala Carlos Domínguez “Pity”, director de Marisquiño.

As competicións desenvolveranse nas mesmas instalacións do programa de skate e BMX de Marisquiño e terán a mesma dotación de premios que as categorías non adaptadas. En Adaptive Skateboarding celebraranse as modalidades Open Street e Best Trick; en Adaptive BMX, Open e Best Trick.

Marisquiño é un dos principais festivais europeos de cultura urbana e deportes de acción. Nacido en Vigo en 2001, celebrará a súa XXVI edición do 6 ao 9 de agosto cunha programación de acceso gratuíto que combina competicións deportivas internacionais, música en directo, arte urbana e actividades para todos os públicos. En 2026 reunirá preto de 1.500 deportistas dunha trintena de países.

0.31709098815918