Marta Miranda asumirá a dirección do Campus Terra cunha aposta pola innovación e a conexión co territorio

A profesora da USC aposta por reforzar a investigación interdisciplinaria, atraer talento e consolidar o campus lucense como referente agroalimentario, ambiental e de saúde global
Marta-Miranda-nova-directora-do-Campus-Terra
12 May 2026

Marta Miranda Castañón, docente da área de Ciencias Clínicas Veterinarias, vén de ser designada nova directora do Campus Terra da USC, o proxecto da Universidade de Santiago de Compostela orientado a converter o Campus de Lugo nun espazo de referencia científica e social en materias relacionadas coa sustentabilidade económica, ambiental e social vinculada ao uso da terra.

A nova directora destacou que nesta etapa pretende contribuír a afianzar e impulsar o labor realizado nos últimos anos, mantendo a continuidade dun modelo de campus especializado que, segundo sinalou, xa se consolidou como unha referencia nos ámbitos agroalimentario, ambiental e da saúde global.

Miranda explicou que o Campus Terra debe continuar avanzando cara a unha maior especialización e liderado nos seus principais ámbitos de actuación, como son a investigación, a docencia e a transferencia de coñecemento. Neste sentido, incidiu na importancia de potenciar a investigación interdisciplinaria, favorecer a captación de talento e impulsar proxectos competitivos, ademais de desenvolver unha oferta formativa innovadora e atractiva que contribúa tamén á chegada de novo alumnado.

A profesora subliñou igualmente a necesidade de fortalecer a relación co territorio e co tecido empresarial, promovendo unha colaboración máis estreita coas compañías e entidades vinculadas ao sector.

Segundo indicou, o Campus Terra conta cunha gran capacidade para xerar coñecemento aplicado, innovación e profesionais altamente cualificados ao servizo dun sector primario estratéxico para Galicia. Ademais, manifestou o seu desexo de impulsar un campus dinámico, aberto e cunha maior proxección tanto nacional como internacional, sen perder a súa estreita ligazón co territorio nin co desenvolvemento económico e social galego.

0.35256004333496