Maxi Iglesias sorprende o público do OUFF cunha visita inesperada no coloquio de 'Nuda propiedad'

A proxección do filme, que aspira a premio na Sección Oficial Internacional do certame, contou cun encontro inesperado co público na capital ourensá
Maxi Iglesias OUFF
28 Sep 2026

As persoas que asistiron onte á proxección de 'Nuda propiedad' nos cines Galicine levaron unha grata sorpresa ao final da sesión. O actor Maxi Iglesias, protagonista do longametraxe, incorporouse ao coloquio posterior á película sen que se anunciase previamente.

O intérprete atopábase en Lugo e decidiu desprazarse ata Ourense para participar no encontro. A súa presenza inesperada foi recibida con agrado tanto por quen acudira a ver esta película como polas persoas que estaban no cine para asistir a outros pases.

Durante o coloquio, Iglesias compartiu escenario co seu compañeiro de reparto Paco Churruca e co director do filme, Alberto Utrera. Os tres conversaron co público sobre a cinta, e o actor afondou no personaxe que interpreta e no proceso de preparación que lle esixiu o papel.

Ademais de falar do traballo realizado na película, o protagonista aproveitou a ocasión para reivindicar as salas de cinema como espazo de encontro e subliñou a importancia de apoiar as producións independentes.

'Nuda propiedad', que Iglesias protagoniza xunto a Susana Abaitua e Paco Churruca, forma parte da Sección Oficial Internacional do OUFF - Ourense Film Festival, onde compite co resto de títulos seleccionados. O filme chegará ás salas de cinema este venres.

0.35649180412292