Medio cento de entidades beneficiaranse do programa +Convivencia Inclusiva da Deputación de Pontevedra

A institución provincial destinará 125.000 euros a novas actividades de lecer inclusivo para persoas con discapacidade
presentacion-programa-+-convivencia-deputacion-coruña
13 Aug 2026

A Deputación de Pontevedra presentou este xoves o programa +Convivencia Inclusiva, unha nova iniciativa destinada a promover actividades de lecer e convivencia para persoas con discapacidade. O plan, que dá continuidade ao anterior +Convivencia, conta cun orzamento de 125.000 euros e permitirá a participación de ata 50 colectivos.

O presidente da Deputación, Luis López, deu a coñecer a iniciativa no Pazo provincial ante representantes do tecido asociativo da provincia. Durante o acto, destacou o apoio do organismo provincial ás entidades sociais e lembrou que durante o actual mandato o goberno provincial “puxo á disposición das familias un total de 63 millóns de euros”.

López tamén sinalou que este ano se incrementou nun 34 por cento o orzamento destinado á área de Benestar Social, situando a Pontevedra, segundo indicou, como un “referente en políticas de benestar e envellecemento activo”.

No ámbito da accesibilidade, o presidente provincial puxo como exemplo o programa Pontevedra, Provincia +Inclusiva, ao que se destinan este ano 210.000 euros. Esta liña de axudas permite financiar actuacións para mellorar a accesibilidade dos inmobles das asociacións e tamén as comunicacións e o día a día das persoas usuarias.

Sobre +Convivencia Inclusiva, Luis López definiuno como “un paso máis para seguir nesa liña de apoio continuo ás persoas con discapacidade”. Segundo explicou, o programa “promove a inclusión, a mellora da calidade de vida e a autonomía das persoas con discapacidade, financiando actividades de lecer para que coñezades os 61 concellos do territorio pontevedrés”.

Cada entidade poderá recibir ata un máximo de 2.500 euros para financiar as actividades previstas. O programa está dirixido a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que desenvolvan actuacións de lecer inclusivo no ámbito da discapacidade e da dependencia na provincia.

As axudas poderán destinarse a saídas con ou sen pernocta, incluídas visitas a lugares, concellos ou illas relacionadas coa arqueoloxía ou coa arquitectura civil. Tamén se poderán financiar actividades en spas, piscinas ou balnearios e campamentos.

A convocatoria contempla igualmente propostas de lecer como a asistencia ao cine, ao teatro, a concertos ou a espectáculos, así como visitas a museos, acuarios ou zoolóxicos. Tamén poderán incluírse actividades de promoción deportiva, intervención terapéutica grupal, propostas artísticas e creativas e iniciativas de convivencia e intercambio.

As actividades subvencionadas deberán realizarse antes do 31 de marzo de 2027, mentres que o prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 22 de setembro deste ano.

O presidente lembrou que as bases do programa +Convivencia xa incorporaron novidades o ano pasado para adaptarse ás necesidades das persoas con discapacidade. Dentro do principio de “escoitar, entender e atender”, reduciuse de 30 a 20 o número mínimo de participantes esixido nas excursións nas que fose necesario utilizar cadeiras de rodas ou outras axudas técnicas.

Segundo explicou López, esta modificación buscaba “facilitarvos a participación” e recoñecer o labor desenvolvido polo tecido asociativo para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade. Neste sentido, considerou que a iniciativa “reafirma o compromiso da Deputación co benestar da cidadanía, con garantir os seus dereitos e a súa participación en igualdade de condicións”.

Na presentación tamén participaron a deputada de Benestar Social, Paula Bouzós, e a coordinadora da área, Sandra Bastos, encargada de explicar as bases do programa.

Bouzós destacou o traballo conxunto coas entidades sociais e afirmou que “avanzamos na inclusión da man das entidades sociais porque coñecemos e valoramos o traballo que realizades cada día para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e construír unha provincia máis inclusiva”.

A deputada engadiu que “esta xornada non é só de presentación, senón un espazo de información, de resolución de dúbidas e de escoita das vosas achegas, porque ese diálogo é o que nos permite mellorar as políticas públicas”.

Luis López, pola súa banda, expresou o desexo de que a nova convocatoria teña unha boa acollida entre as entidades. “Agardamos que este punto de partida sexa un éxito, e que esta xornada de presentación sirva tamén como mostra do diálogo que sempre defendemos que é preciso manter coa sociedade”, afirmou.

O presidente provincial pechou a presentación animando o tecido asociativo a participar no programa e expresando o seu desexo de que “lle deades a +Convivencia inclusiva unha acollida extraordinaria, como extraordinarios sodes vós e extraordinaria é esta provincia”.

0.34746909141541