Medio Rural dá por extinguido o incendio de Baltar tras afectar 138,82 hectáreas

O lume de Garabelos do Bouzo afectou 82,82 hectáreas de arborado e outras 56 de superficie rasa; en Rodeiro continúan dous incendios controlados
incendios-bombeiro-forestal-pladiga
11 Aug 2026

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos, cun total de dous incendios extinguidos na provincia de Ourense e dous controlados en Pontevedra.

En Ourense, quedou extinguido ás 19.42 horas o incendio de Baltar, na parroquia de Garabelos do Bouzo, iniciado o sábado ás 12.21 horas. O lume afectou finalmente unha superficie de 138,82 hectáreas, das que 82,82 corresponden a arborado e as 56 restantes a superficie rasa.

No operativo de extinción participaron de forma acumulada tres técnicos, 15 axentes, 33 brigadas, 20 motobombas, tres pas, unha unidade técnica de apoio, seis helicópteros e nove avións.

Tamén en Ourense, ás 19.50 horas quedou extinguido un conato rexistrado en Calvos de Randín, na parroquia de Randín. O lume comezou ás 18.17 horas deste luns e afectou 0,01 hectáreas no interior do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a súa extinción mobilizáronse dous axentes, unha brigada e unha motobomba.

Dous incendios continúan controlados en Rodeiro

Na provincia de Pontevedra, o incendio de Rodeiro, na parroquia de Arnego, quedou controlado ás 19.58 horas deste luns. O lume comezou o sábado ás 15.59 horas e, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie dunhas 20 hectáreas.

Para os traballos de extinción mobilizáronse ata o momento 19 axentes, 29 brigadas, 20 motobombas, dúas pas, catro helicópteros e dous avións.

Tamén permanece controlado desde as 22.48 horas do domingo o incendio da parroquia de Carboentes, no mesmo municipio de Rodeiro. Este lume iniciouse o sábado ás 16.03 horas e afecta, segundo as estimacións provisionais, unhas 20 hectáreas.

Neste caso, o operativo mobilizado está formado por dous técnicos, 15 axentes, 27 brigadas, 24 motobombas, unha pa, tres helicópteros e catro avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que a cidadanía pode comunicar a detección de incendios forestais a través do teléfono gratuíto 085. Tamén está dispoñible a aplicación ALume para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia.

Para denunciar de forma anónima e gratuíta posibles actividades delituosas relacionadas cos incendios forestais está habilitado o teléfono 900 815 085. A información actualizada sobre os incendios forestais que acadan as 20 hectáreas pode consultarse tamén na conta de X @incendios085.

0.29162788391113