Meira entrega dos premios do IX Certame Avelino Díaz tras recibir case 300 traballos de toda Galicia

A Casa do Concello de Meira acollerá este venres, 19 de xuño, ás 19.00 horas, o acto de entrega dos premios do IX Certame de Debuxo e Creación Literaria Avelino Díaz, unha iniciativa promovida polos concellos de Meira e Riotorto coa colaboración da Asociación Cultural Avelino Díaz.
A convocatoria volveu rexistrar unha elevada participación, con preto de 300 traballos procedentes de centros educativos e participantes de practicamente toda Galicia, consolidándose como unha das citas culturais de referencia para a promoción da creatividade artística e literaria en lingua galega.
Na categoría de debuxo, destinada a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos, o primeiro premio foi para Pablo Morcillo Devesa, do CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz de Meira, pola obra Historia de Avelino. O segundo galardón recaeu en Xiana Folgueira Pacio, do mesmo centro, por O sol de Avelino, mentres que o terceiro premio foi para Sabela Pérez González, do CEIP de Riotorto, coa obra A casiña de Avelino. O accésit correspondeu a Youssef Moujniba, tamén do CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz, por Avelino inspirándose no Miño.
No apartado de poesía para participantes de entre 9 e 12 anos, María Mercedes Moreno Cardoza, do CEIP de Riotorto, acadou o primeiro premio coa obra O paso do tempo. Nayara Ferreiro Díaz e María Vázquez Regueras, ambas do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, obtiveron o segundo e terceiro premio respectivamente, coas creacións Judo e Belver.
Na categoría de poesía para mozos e mozas de entre 13 e 17 anos, o primeiro premio foi para Lía Enríquez Salgado, do IES Enrique Muruais da Pontenova, coa obra O galego. Julia Armada Recalde e Adrián Barciela Cabanas, tamén do mesmo centro educativo, recibiron o segundo e terceiro premio por As mans que gardan historias e A Terra queda. O accésit foi para Nelly Palmeiro Castro pola obra Quedan cousas túas.
Entre os participantes adultos na modalidade de poesía, Javier Rodríguez González, de Ourense, conseguiu o primeiro premio coa obra As illas antígrafas. O segundo premio foi para Carlos Neira Suárez, de Mugardos, por Leva e achega, mentres que Paula Andrea Ani, de Riotorto, obtivo o terceiro galardón con Bardo da Muxueira.
Na categoría de relato para maiores de idade, Soledad García Riveiro, de Nigrán, resultou gañadora co traballo Rockwell: mazos da auga. César Ramos Domínguez, da Baña, acadou o segundo premio con O vello Antián e Jacobo Paz Limia, da Coruña, o terceiro por A nai de Súa. O accésit foi para Roberto Jesús Hermida Lorenzo, de Cospeito, pola obra Muller fumando ao sol.
O xurado encargado de valorar os traballos estivo presidido por Xosé Otero Canto e contou como vogais con Mario Outeiro Iglesias e María Airado Otero. Actuou como secretaria Yoani Jartín Salgado.