Mikel Erentxun celebra os 40 anos de Duncan Dhu co concerto inaugural das festas das Pontes

Subirá ao escenario da Rúa 8 de Marzo o vindeiro venres, 17 de xullo, ás 22.00 horas, nunha cita de entrada gratuíta
concerto-mikel-erentxun-as-pontes
26 Jun 2026

As Festas do Carme e da Fraga 2026 arrancarán por todo o alto coa actuación de Mikel Erentxun, que traerá a súa xira conmemorativa dos 40 anos de Duncan Dhu ao escenario da Rúa 8 de Marzo o vindeiro venres, 17 de xullo, ás 22.00 horas, nun concerto de entrada gratuíta.

Será unha noite moi especial na que o público poderá revivir os grandes éxitos dunha das bandas máis importantes da historia do pop español. Nunha xira única, Mikel Erentxun fai unha pausa na súa carreira en solitario para render homenaxe ao legado de Duncan Dhu, coincidindo co corenta aniversario do seu debut discográfico.

Acompañado pola súa banda —Rubén Caballero (guitarra), Mikel Azpiroz (teclados), Fernando Neira (baixo) e Igor Telletxea (batería)— ofrecerá un espectáculo no que non faltarán himnos como "Cien gaviotas", "En algún lugar", "Jardín de rosas" ou "Una calle de París", ademais doutros temas imprescindibles que marcaron a varias xeracións.

O repertorio percorrerá toda a traxectoria de Duncan Dhu, desde Por tierras escocesas ata El duelo, nun concerto pensado para emocionar tanto aos seguidores de sempre como ás novas xeracións que descubriron a música da banda co paso do tempo.

A actuación converterase nun dos grandes momentos das festas e dará o pistoletazo de saída a varios días de celebración.

0.32750201225281