Miles de persoas maniféstanse na Illa de Arousa contra Altri e a mina de Touro-O Pino

A mobilización, con participación por terra e mar, reclama á Xunta a denegación definitiva dos proxectos e denuncia o seu impacto ambiental
manifestacion-altri-arousa
14 Jun 2026

Miles de persoas participaron este sábado nunha multitudinaria mobilización na Illa de Arousa para reclamar á Xunta de Galicia a denegación dos proxectos da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei e da reapertura da mina de cobre de Touro-O Pino.

A protesta, na que tamén participaron centos de embarcacións na ría, percorreu o municipio desde a Praia do Vao ata o Porto de Xufre, nunha xornada marcada pola elevada participación cidadá e a presenza de distintas plataformas sociais e ecoloxistas.

As entidades convocantes, entre elas a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Ulloa Viva e a Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non, reclamaron ao Goberno galego que paralice de forma definitiva ambos proxectos, ao considerar que supoñen un risco para o territorio, a auga e os sectores produtivos.

O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, advertiu de que a política autonómica “sacrifica o río Ulla e a ría de Arousa” en favor de intereses que cualifica de minoritarios, e reclamou unha planificación que teña en conta a soberanía alimentaria e o impacto ambiental.

Pola súa banda, a voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, afirmou que tras anos de mobilizacións e alegacións “está todo dito” e pediu á Xunta unha decisión definitiva sobre uns proxectos que, segundo sostén, non contan con apoio social nin garantías suficientes.

A representante da plataforma contra a mina de Touro-O Pino, Che Cancelo, subliñou que o conflito transcende o ámbito local e asegurou que a oposición social se manterá activa ata lograr a paralización do proxecto mineiro.

Ao remate da manifestación, no Porto de Xufre, léronse varios manifestos nos que as plataformas denunciaron o impacto potencial destes proxectos sobre a auga, o medio ambiente e os modelos produtivos tradicionais, ademais de reclamar unha maior protección do rural galego.

A xornada concluíu cunha ampla participación cidadá e con actos musicais de peche, nunha mobilización que os organizadores cualificaron como histórica polo seu volume e polo apoio social acadado.

0.32303309440613