Milleiros de persoas mobilízanse en Santiago en solidariedade co pobo cubano

A manifestación percorreu as rúas de Compostela e rematou na praza de Praterías contra o bloqueo a Cuba.
Cuba
20 Apr 2026

Varios milleiros de persoas mobilizáronse este domingo en Santiago de Compostela para amosar a súa solidariedade co pobo cubano e rexeitar o bloqueo imposto polos Estados Unidos á illa.

A manifestación, convocada pola Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil e apoiada por numerosas organizacións sociais, culturais, políticas e sindicais, percorreu as rúas da cidade baixo o lema “Deixade vivir a Cuba. Galiza contra o asedio imperialista”.

A mobilización partiu da Alameda ao mediodía e concluíu na praza de Praterías, onde se deu lectura a un manifesto no que se denunciou o bloqueo económico e as políticas de presión internacional contra Cuba.

Durante o acto, lembráronse episodios históricos como o desembarco de Praia Girón, coincidindo co seu 65º aniversario, e puxéronse en valor os logros da Revolución Cubana en ámbitos como a educación, a sanidade ou a cooperación internacional.

As persoas participantes destacaron tamén o papel de Cuba na solidariedade global, especialmente durante a pandemia, co envío de brigadas médicas a decenas de países.

O manifesto denunciou o impacto do bloqueo na vida diaria da poboación cubana, especialmente no acceso a alimentos, medicamentos e recursos básicos, e alertou do agravamento da situación nos últimos meses.

Baixo o lema “A solidariedade non se pode bloquear”, as entidades convocantes fixeron un chamamento a reforzar o apoio internacional a Cuba e a esixir o fin das sancións.

A mobilización puxo tamén en valor os vínculos históricos entre Galicia e Cuba, lembrando a emigración galega cara á illa e a súa influencia na historia social e política de ambos territorios.

0.37546896934509