Mondariz mellorará o saneamento do campo de fútbol da Lagoa cun investimento de preto de 28.000 euros

O Concello de Mondariz levará a cabo obras de saneamento na contorna do campo de fútbol municipal da Lagoa grazas a unha axuda económica de case 28.000 euros achegada pola Deputación de Pontevedra. A partida procede do Plan +Provincia, o programa co que a institución provincial apoia anualmente aos concellos na execución de obras e investimentos locais.
Segundo se deu a coñecer, este ano o municipio de Mondariz beneficiarase en conxunto de recursos que superan o millón de euros dentro deste plan, ao sumarse preto de 620.000 euros correspondentes á anualidade do 2026 xunto co adianto de aproximadamente 434.000 euros da liña de investimentos prevista para o 2027.
Cos cartos achegados pola Deputación, o Concello de Mondariz levará a cabo a construción dun tramo de colector de saneamento nas inmediacións do campo de fútbol municipal. A actuación consistirá na instalación de tubaxes de PVC que permitirán conectar a rede de augas fecais do novo campo de fútbol co sistema xeral de saneamento, incluíndo traballos complementarios como escavacións, construción de pozos e reposición de elementos afectados.
En total, está previsto executar 352 metros de tubaxe, que conectarán cun colector xa existente. Nos puntos onde se produzan cambios de dirección da rede, así como nas conexións con outros colectores e coas acometidas domiciliarias, instalaranse os correspondentes pozos de rexistro. Por último, naquelas zonas da vía pública que resulten afectadas pola instalación da nova rede, procederase a repoñer o pavimento cun novo firme.