Mondra actuará o 14 de maio na Praza da Quintana polo día grande das Festas da Ascensión

O artista compostelán será un dos protagonistas das festas máis picheleiras cun concerto cheo de sorpresas.
Pilar Lueiro
16 Apr 2026

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, anunciou xunto ao artista Mondra o concerto que o cantareiro e bailador ofrecerá o vindeiro 14 de maio na Praza da Quintana, coincidindo co día grande das Festas da Ascensión.

No anuncio, difundido a través das redes sociais, Mondra amosou a súa ilusión por actuar nun dos escenarios máis emblemáticos da cidade e avanzou que o espectáculo contará con sorpresas. “Será un día moi especial”, sinalou, convidando á cidadanía a encher a praza.

Este anuncio chega nun momento destacado para o artista, coincidindo co lanzamento do seu novo sinxelo xunto a Baiuca, titulado Mazarocas, un tema que apunta a converterse nun dos grandes éxitos do ano.

Mondra atópase actualmente inmerso nunha xira estatal que o levará por cidades como Madrid, Barcelona, León, Zamora ou Uviéu, combinando estas actuacións con concertos en Galicia, entre eles o da Praza da Quintana.

Un dos nomes clave da música galega actual

Mondra consolidouse como unha das figuras máis relevantes da escena musical galega contemporánea. O seu álbum debut, ARDĒN (2023), acadou un amplo recoñecemento de público e crítica, obtendo galardóns como o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024 ou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por MARIMONDRA.

En 2025 publicou o seu segundo traballo, DE RONDA, un proxecto que combina música e posta en escena cunha proposta visual e escénica dirixida polo coreógrafo Daniel Rodríguez.

Sobre o escenario, Mondra está acompañado por unha banda e un elenco de danza que completan unha proposta artística que mestura tradición e vangarda, e que xa suma máis dun cento de concertos con grande acollida dentro e fóra de Galicia.

0.40792083740234