Monforte contará con puntos de recarga para vehículos eléctricos na estación dentro do plan estatal de Adif

A actuación intégrase nun proxecto que permitiu poñer en funcionamento 254 prazas electrificadas en 21 estacións de viaxeiros da rede ferroviaria
punto-recarga-coche-electrico
1 Jul 2026

A estación de Monforte de Lemos xa forma parte da primeira fase do despregamento de infraestrutura de recarga para vehículos eléctricos impulsada por Adif e Adif Alta Velocidade en distintas estacións ferroviarias do país. A iniciativa busca reforzar os servizos dispoñibles para os usuarios e favorecer unha mobilidade máis sostible nos desprazamentos vinculados ao tren.

A actuación intégrase nun proxecto que permitiu poñer en funcionamento 254 prazas electrificadas en 21 estacións de viaxeiros da rede ferroviaria. Entre as instalacións que xa contan con estes puntos operativos atópase a estación monfortina, xunto a outras localidades de Galicia como Ferrol e O Porriño.

Os puntos de recarga están dispoñibles tanto para viaxeiros como para calquera usuario dos aparcadoiros e poderán utilizarse mediante a aplicación Waylet ou con tarxeta bancaria a través dos terminais incorporados en cada equipo.

O despregamento forma parte dun plan máis amplo que prevé a instalación de arredor de 900 puntos de recarga en máis de 60 estacións ferroviarias de Adif e Adif AV. As novas instalacións incorporaranse progresivamente durante 2026 e 2027.

O investimento previsto para o conxunto do proxecto supera os 18,2 millóns de euros e inclúe o deseño das instalacións, a subministración dos equipos, a súa construción e os labores de operación e mantemento durante dous anos.

A medida enmárcase na estratexia de Adif fronte ao cambio climático e nas actuacións orientadas a fomentar a mobilidade sostible e reducir emisións, co apoio de fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

0.30089497566223