Monforte inaugura a súa XXVII Feira do Libro, que reúne sete casetas e catro xornadas de actividades

A rúa Cardeal convértese ata o sábado nun punto de encontro coa literatura, con presentacións, sinaturas, contacontos e espectáculos para todos os públicos
feira-do-libro-de-monforte
27 Aug 2026

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, inaugurou este mércores a XXVII Feira do Libro de Monforte, que se celebra ata o sábado 29 de agosto na zona peonil da rúa Cardeal, dentro do programa Verán Cultural do Concello.

O acto inaugural contou coa participación do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Manuel Lorenzo Suárez; a deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro Fernández; a xerente da Federación de Librarías de Galicia, Olaya Tembra, e a escritora bovedense Yolanda Álvarez Castro, encargada de pronunciar o pregón.

A feira monfortina pecha o calendario das 13 Feiras do Libro de Galicia previstas en 2026, despois de percorrer outras doce localidades galegas.

Durante a inauguración, José Tomé destacou a consolidación desta cita, que alcanza xa a súa vixésimo sétima edición, e puxo en valor a súa función como punto de encontro entre os libros, os autores e autoras e os lectores. O alcalde animou á veciñanza e ás persoas que visitan Monforte a achegarse á rúa Cardeal, participar nas actividades programadas e coñecer as novidades das librarías participantes.

Tomé fixo especial fincapé na importancia de achegar a literatura aos públicos máis novos e fomentar o hábito lector desde idades temperás. “É importante que quen aínda non ten o hábito de ler poida descubrir, a través destas iniciativas, novas historias e novas formas de mirar o mundo, dependendo dos gustos de cada persoa”, sinalou.

Neste sentido, destacou que é nos primeiros anos cando se constrúe o hábito lector e defendeu a necesidade de presentar os libros aos máis pequenos mediante historias atractivas que lles permitan descubrir que “ler tamén é xogar, imaxinar e aprender”.

O alcalde tamén puxo en valor a elección de Yolanda Álvarez Castro como pregoeira, ao tratarse dunha escritora de Bóveda e, polo tanto, vinculada á comarca da Ribeira Sacra.

José Tomé destacou a súa traxectoria relacionada coas artes, a educación e a cultura, como profesora de baile e animadora sociocultural, así como o seu inicio no mundo editorial con O misterio do tulipán, un conto infantil inspirado nos seus dous fillos.

O rexedor considerou que a autora é “unha magnífica pregoeira” pola súa capacidade para achegar a literatura aos máis novos a través dos seus contacontos e actividades de animación á lectura.

A XXVII Feira do Libro conta con sete casetas, tres delas correspondentes a establecementos monfortinos: Librería Entre Libros, Libraría Agrasar e Librería Pelayo-Peruchela Edicións. Tamén participan ULA Libraría Social, da Coruña; Libraría Cartabón, de Vigo; o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo e A Gata Tola, de Santiago de Compostela.

Ao longo das catro xornadas desenvolveranse presentacións de libros, sinaturas de autores e autoras, encontros literarios, poesía, contacontos e espectáculos infantís.

Entre as propostas previstas figuran este xoves o espectáculo “A bibliotecaria estrafalaria”, de Cris de Caldas; a presentación de Conciencia dunha tradición. A olería de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós e o poemario Lágrimas verdes, de Francisco García-López.

O venres será a quenda de propostas como a presentación de Devagar pola Ribeira Sacra, de Gloria Guerrero García; o espectáculo infantil “C@nto contigo”, de Paco Nogueiras, e o encontro “Gañar un premio”, no que Abril Camino e Óscar Guzmán conversarán sobre as súas obras premiadas.

A xornada de clausura, o sábado, incluirá o contacontos “Pedro e o vagalume”, con Yolanda Álvarez; a obra de teatro familiar Alicia, de Pedras de Cartón; unha conversa sobre novela negra con Arantza Portabales e Rober Cagiao; a presentación do libro de Xulio Pardo de Neyra e un micro aberto de poesía.

As casetas permanecerán abertas ata o sábado en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 22.00 horas. Ademais, todos os libros adquiridos durante a feira contarán cun 10 % de desconto.

0.27363610267639