Monforte presenta o programa da XXII Feira Medieval

As actividades foron presentadas esta mañá durante a apertura do Mercado para a Medieval, que estará aberto durante toda a fin de semana
presentacion-programa-feira-medieval
21 Mar 2026

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou este sábado pola mañá o “Mercado para a Medieval”, instalado durante a fin de semana na Praza de Abastos, co obxectivo de promocionar a XXII Feira Medieval que se celebrará os días 4 e 5 de abril. O acto, que comezou ás 11:30 horas, contou cunha ampla participación veciñal e serviu tamén para dar a coñecer o programa completo do evento.

Na presentación estiveron presentes membros do equipo de goberno, entre eles a tenente de alcalde, Gloria Prada, e varios concelleiros e concelleiras. Antes de detallar a programación, o rexedor lembrou as accións previas de promoción realizadas ao longo do mes e puxo en valor o esforzo organizativo e económico do Concello. “Isto demóstrase no orzamento, que ascende a algo máis de 110.000 euros, o mais alto da historia deste Concello, e máis dun 160% superior ao que se destinaba cando chegamos ao Goberno”, destacou, sinalando que este compromiso permitiu consolidar a Feira como “un referente no calendario festivo de Galicia”.

A programación da XXII Feira Medieval desenvolverase en diferentes puntos do centro urbano e do conxunto histórico. O alcalde definiuna como “moi completa e cargada de animación que invadirá as rúas con música medieval, bufóns, trobadores e personaxes fantásticos durante os 2 días da feira”.

Entre os espazos principais destaca a Praza de España, que acollerá o campamento medieval e espectáculos como a inauguración oficial con salva de artillería, lume e acrobacias. Desde este punto sairán tamén desfiles como o do Gran Dragón ou pasarrúas con ambientación fantástica.

Outros escenarios serán a Praza de San Antonio, con exposición de aves de rapina e o espectáculo final “Vulcano”; a Praza das Clarisas, con actividades infantís; o Adro da Régoa, con tiro con arco e gastronomía; ou o Campo da Terra dos Escolapios, onde terán lugar as xustas medievais. A noite do sábado terá como punto central a Praza Luis de Góngora, con espectáculos visuais e a solta de faroliños.

O Mercado Medieval contará con 140 postos distribuídos polo conxunto histórico, entre eles 35 de alimentación, 80 de artesanía certificada e outros de comercio variado. A ambientación completarase coa decoración de rúas e espazos emblemáticos, así como cos concursos de traxes, balcóns e establecementos, cuxa entrega de premios será o domingo ás 19:00 horas.

Como antesala da Feira, o Mercado para a Medieval ofrece esta fin de semana 12 postos especializados con produtos como traxes, bixutería, cosmética, gastronomía ou decoración. Tamén inclúe actividades como o “Desfile de Traxes Medievais e Complementos” e o concurso de repostería “A polo mellor doce”, cuxa entrega de premios será o domingo.

O alcalde animou á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse a este mercado previo para preparar a súa participación na Feira e contribuír a reforzar a ambientación dun evento que busca implicar a toda a cidade.

 

0.28691601753235