Monforte recibe a Volta Aérea á Península con 30 aeronaves e 60 participantes

O aeródromo das Lamas convértese durante tres días nunha das sedes principais deste evento internacional, que combina voos de navegación e promoción turística da Ribeira Sacra
volta-aerea-monforte
5 Aug 2026

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, recibiu este martes aos participantes da Volta Aérea á Península, un encontro internacional organizado pola Asociación de Aviación Xeral e Deportiva (AEPAL) que reúne arredor de 30 aeronaves e 60 participantes. O aeródromo das Lamas acolle a cita os días 4, 5 e 6 de agosto, consolidándose como unha das bases principais do percorrido por España e Portugal.

A comitiva chegou a Monforte procedente de Braga, nun itinerario que se desenvolve entre o 1 e o 9 de agosto. Durante a recepción, o rexedor deu a benvida aos pilotos e destacou a importancia que este tipo de eventos ten para a promoción turística e económica da cidade e da Ribeira Sacra.

José Tomé subliñou que a elección do aeródromo monfortino responde á súa situación estratéxica e ás melloras realizadas recentemente nas instalacións, que incluíron a renovación da pista e do acceso cun investimento municipal de 260.508,16 euros.

A organización local corre a cargo do Club Aerolemos, en colaboración co Concello, reforzando o papel do aeródromo como referencia da aviación deportiva no noroeste peninsular. Desde Monforte, as aeronaves realizarán voos de navegación cara a distintos aeródromos galegos e da costa.

Ademais da actividade aérea, os participantes desenvolverán un programa de visitas para coñecer o patrimonio da cidade e da Ribeira Sacra, con percorridos polo Museo do Ferrocarril de Galicia e excursións aos principais atractivos culturais, paisaxísticos e vitivinícolas da comarca.

O alcalde destacou tamén o crecente uso do aeródromo das Lamas, que rexistra entre 300 e 500 operacións anuais e recibe aeronaves procedentes de distintos puntos de España, así como de Portugal e Francia. Segundo sinalou, a proximidade das instalacións ao casco urbano converte o aeródromo nun espazo singular dentro de Galicia, facilitando a chegada dos visitantes ao centro da cidade en poucos minutos.

0.49910807609558