Movemento Sumar Galicia confirma candidaturas en Baiona, Gondomar e Nigrán

O proceso impulsado por catro partidos de esquerdas representa "unha referencia para construír candidaturas abertas, plurais e con arraigamento en toda Galicia"
Paulo Carlos
21 Sep 2026

Movemento Sumar Galicia considera que o proceso de confluencia iniciado por Esquerda Unida, Podemos, Anova e Movemento Sumar Galicia nos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán marca o camiño para construír alternativas municipais de cara a 2027.

O seu secretario xeral, Paulo Carlos López, sitúa esta iniciativa como o modelo a seguir para o conxunto de Galicia pola súa capacidade de reunir distintas tradicións políticas arredor “dun proxecto compartido, aberto á participación cidadá e centrado nas necesidades da veciñanza. Este é o modelo de unidade que defendemos para Galicia, dende os concellos, con xenerosidade, obxectivos compartidos e as portas abertas á cidadanía. A pluralidade da esquerda pode e debe converterse nunha fortaleza para mellorar a vida da xente", afi rma López.

O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia subliña que a relevancia deste proceso transcende o ámbito comarcal, ao implicar tres concellos importantes do sur de Galicia e demostrar que é posible traballar conxuntamente desde o respecto á pluralidade e á realidade de cada territorio. Os contactos iniciados en xullo polas catro organizacións teñen como obxectivo impulsar candidaturas abertas e unitarias e construír un espazo progresista, ecoloxista, feminista e galeguista con vocación de continuidade.

"O que se está a construír en Baiona, Gondomar e Nigrán ten unha lectura galega. É unha mostra de que podemos poñer por diante o que compartimos e ofrecer alternativas sólidas desde a esquerda. As cousas podemos facelas ben e con tempo", sinala Paulo Carlos López, “porque en Movemento Sumar Galicia somos xente seria”.

O dirixente destaca especialmente que a iniciativa do Val Miñor se conciba como un proxecto político estable “e que apele a todas as persoas progresistas”. A apertura á veciñanza e aos colectivos sociais, así como a vontade de consolidar formas de participación e decisión compartidas, son elementos fundamentais do modelo que Movemento Sumar Galicia quere impulsar.

0.36883282661438