Movemento Sumar Galicia conmemora este mércores na Coruña o Día da Matria Galega cun acto aberto á cidadanía

Movemento Sumar Galicia celebrará este mércores 22 de xullo un acto con motivo do Día da Matria Galega no Circo de Artesáns da Coruña. O encontro, aberto á cidadanía, dará comezo ás 19.30 horas e combinará contidos culturais, cívicos e políticos.
A formación explica que o obxectivo da convocatoria é conmemorar esta data reivindicando “unha Galicia plural, feminista, democrática e consciente da súa identidade”. O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, sostén que “a mellor forma de defender a Galicia é ampliar o seu autogoberno, defender as maiorías progresistas, artellalas e defender tamén o Goberno do Estado”.
A programación iniciarase coa intervención de Trinidad Palacios, representante de Movemento Sumar Galicia na Coruña. Posteriormente, ás 19.45 horas, celebrarase un acto de homenaxe á poeta Luz Pozo Garza, considerada unha das principais voces da literatura galega contemporánea. A encargada desta lembranza será Olivia Rodríguez, profesora da Universidade da Coruña.
O peche do acto, previsto para as 20.30 horas, correrá a cargo do secretario xeral da formación, Paulo Carlos López. A xornada concluirá coa interpretación do himno galego.