Movemento Sumar Galicia elixirá entre setembro e outubro as súas candidaturas ás alcaldías das cidades

Movemento Sumar Galicia iniciou oficialmente o proceso de preparación das eleccións municipais de 2027 coa aprobación do regulamento que rexerá a elección das súas candidaturas. A Coordinadora Nacional da organización acordou que as persoas que encabezarán as listas ás alcaldías das sete cidades galegas serán escollidas entre os meses de setembro e outubro, nun proceso que tamén servirá para impulsar novas candidaturas municipalistas en toda Galicia.
O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, destacou que a formación afronta esta nova etapa coa intención de ampliar a súa presenza nos concellos e reforzar o municipalismo como eixo da súa acción política. "As eleccións municipais non comezan coa campaña electoral, senón moito antes, construíndo proxectos sólidos e conectados coa realidade de cada territorio", afirmou.
López asegurou que a experiencia de Sumar no Goberno de España avala a capacidade da organización para impulsar políticas transformadoras e manifestou a vontade de trasladar esa acción aos gobernos locais. "Sumar demostrou no Goberno de España que as políticas máis ambiciosas para ampliar dereitos e protexer á maioría social levan o noso selo. Agora queremos levar esa mesma forza transformadora aos concellos galegos", indicou.
Ademais da elección das candidaturas nas cidades, a organización promoverá a creación de novas candidaturas municipalistas en numerosos concellos galegos en colaboración co resto das organizacións e actores do espazo progresista. Ao mesmo tempo, prestará apoio político e organizativo a máis de vinte candidaturas municipais xa existentes, co obxectivo de consolidar unha rede que considera fundamental para construír unha alternativa política en Galicia.
Segundo explicou o secretario xeral, a aspiración de Movemento Sumar Galicia é incrementar a súa presenza institucional nas próximas eleccións locais. "O noso obxectivo é gobernar onde a cidadanía nos dea a súa confianza e ser decisivos para facer posibles gobernos progresistas en moitos máis concellos", sinalou. Nese sentido, destacou que a formación parte dunha base de máis de vinte proxectos municipalistas cos que comparte espazo político e que pretende seguir ampliando esa rede con novas iniciativas adaptadas ás necesidades de cada territorio.
O regulamento aprobado pola Coordinadora Nacional establece un procedemento baseado na participación das agrupacións locais e das asembleas territoriais, ás que lles corresponderá desempeñar un papel protagonista na configuración das candidaturas que Movemento Sumar Galicia presentará ás eleccións municipais de 2027.