Mudarpesca trata en Vigo sobre o impulso da remuda xeracional na pesca

Os socios do proxecto transfronteirizo España-Portugal celebraron a súa primeira reunión presencial de coordinación, onde definiron as próximas actuacións
Socios-MUDARPESCA
24 Jun 2026

Os días 18 e 19 de xuño tivo lugar na sede de ARVI (Vigo) a primeira reunión presencial do proxecto MUDARPESCA. Un encontro de traballo que reuniu a todos os socios desta iniciativa de cooperación entre España e Portugal e permitiu coordinar as próximas actuacións para impulsar a remuda xeracional no sector pesqueiro e mellorar a empregabilidade nas rexións costeiras do espazo transfronteirizo.

Durante as dúas xornadas revisouse o estado de execución do proxecto e acordouse o calendario de traballo para os vindeiros meses. Entre as primeiras actuacións destaca a elaboración dun diagnóstico que permitirá analizar as necesidades actuais do sector en materia de emprego e remuda xeracional, servindo como base para deseñar futuras medidas e ferramentas de actuación.

Así mesmo, os socios avanzaron na planificación das seguintes fases do proxecto, que incluirán a posta en marcha dun Grupo Delphi integrado por persoas expertas do sector pesqueiro, así como a organización de grupos de traballo con representantes do sector en España e Portugal. Estas actuacións servirán para identificar retos, compartir propostas e definir as liñas estratéxicas do proxecto, cuxos resultados se porán en común nun foro transfronteirizo que se celebrará en Portugal. Ademais, impulsaranse campañas de divulgación para achegar as profesións do mar a novos públicos e desenvolverase unha plataforma dixital transfronteiriza destinada a facilitar o encontro entre empresas e persoas interesadas en traballar na pesca.

A reunión tamén serviu para coordinar as accións de comunicación do proxecto, revisando o plan de comunicación, a identidade gráfica e o calendario de difusión previsto para os próximos meses, co obxectivo de garantir unha comunicación conxunta e coherente entre todas as entidades participantes.

Ademais, durante o encontro abordáronse os procedementos de xestión técnica e financeira do Programa Interreg POCTEP, establecendo os mecanismos de coordinación necesarios para asegurar o correcto desenvolvemento do proxecto ao longo da súa execución.

Con esta primeira reunión presencial, MUDARPESCA consolida a súa folla de ruta e dá un novo impulso a unha iniciativa cofinanciada polo Programa Interreg POCTEP 2021-2027 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que se desenvolverá ata febreiro de 2028 co obxectivo de impulsar a remuda xeracional no sector pesqueiro, mellorar a empregabilidade e reforzar a cooperación entre España e Portugal.

0.37296605110168