Muras presenta o programa da XXXVIII Feira do Poldro e do Gando do Monte

Para o público infantil haberá actividades de balde, bautismo hípico con Pony Club, unha charla sobre os cabalos, inchables e un touro mecánico
feira-do-poldro-muras6
13 Sep 2026

Muras celebrará os días 25, 26 e 27 de setembro a XXXVIII Feira do Poldro e do Gando do Monte, unha cita declarada festa de interese turístico galego que volverá reunir na Gañidoira unha ampla programación arredor do mundo do cabalo e do gando.

As actividades comezarán o venres 25, ás 20.00 horas, cunha degustación de elaboracións de carne de poldro galego nos locais de hostalaría Café Bar Santi e O Chiringuito, dentro do programa ‘Un gusto de rural, un rural de gusto’, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O sábado 26 continuará a programación cunha nova degustación de carne de poldro galego, mentres que o domingo 27 terá lugar a xornada central da feira. Ás 10.00 horas abrirá o recinto e, media hora despois, comezará a cualificación do gando, xunto cunha demostración en vivo de talla en madeira a cargo de Marcos Ladra Sanjurjo e unha exposición de tallas da Asociación de Mulleres Rurais de Muras.

Ao longo da mañá tamén se celebrará unha exhibición de escultura de madeira con motoserra, o concurso morfolóxico de Puraga e unha degustación da hamburguesa ‘Gañidoira’, elaborada con carne de poldro 100% de raza autóctona.

A partir das 12.00 horas presentaranse as carreiras de andadura, que comezarán ás 12.15 horas, e ás 13.00 horas celebrarase unha xincana de barrís da Asociación Atila. Pola tarde, ás 15.15 horas, terá lugar a presentación das carreiras, que arrancarán ás 15.30 horas nas categorías de máis e menos de 1,51 metros, coa posterior entrega de premios.

A feira contará tamén cunha carpa con exposicións, entre elas A memoria da feira. Unha viaxe polos seus carteis, ademais dun posto do proxecto Marca Muras. Para o público infantil haberá actividades de balde, bautismo hípico con Pony Club, unha charla sobre os cabalos, inchables e un touro mecánico.

Durante toda a xornada do domingo haberá tamén animación musical. A organización mantén aberto o prazo de inscrición para o concurso de animais ata o 22 de setembro e para as carreiras de andadura ata o 21 de setembro.

O programa inclúe tamén diversos premios para os concursos de animais. Na categoría de maior número de cabezas de gando, os premios serán de 300 euros para o primeiro clasificado, 200 para o segundo, 150 para o terceiro, 100 para o cuarto e 75 para o quinto. Tamén haberá distincións ao mellor semental cabalar, mellor egua, mellor lote cabalar, mellor cría cabalar do ano, mellor semental bovino, mellor vaca, mellor lote bovino e mellor cría bovina do ano, con premios de entre 75 e 150 euros segundo a categoría e a clasificación.

0.33481216430664