Natalia Botana Rey tomou posesión como presidenta de Portos de Galicia

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu o acto celebrado en Santiago
toma-posesion-natalia-botana-portos
18 Jun 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu a toma de posesión de Natalia Botana Rey como presidenta de Portos de Galicia, posto no que releva a José Antonio Álvarez Vidal, recentemente nomeado presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.

Durante o acto, celebrado no edificio administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, Botana ratificou a súa vocación de “servidora pública” e comprometeu o seu traballo en beneficio de “todos os sectores da economía azul”. A nova presidenta de Portos tendeu a man “para un diálogo construtivo que permita atopar solucións compartidas aos retos que depara o presente e o futuro de Galicia, que conecta co mar a través dos portos”.

Viguesa nada en 1969, Natalia Botana é licenciada en veterinaria e ocupaba o posto de directora territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra desde xaneiro de 2021. Conta cunha longa traxectoria na Administración pública galega, na que ingresou no ano 2000, desempeñando roles como Xefa do Servizo de Control de Riscos Ambientais e diversos cargos como inspectora veterinaria oficial.

Tamén traballou en Bruxelas, na unidade de xestión de datos e accións estruturais para Irlanda, España, Francia, Portugal e o Reino Unido na Dirección Xeral do Mar (DG MARE) da Comisión Europea. E representou ás comunidades autónomas no comité europeo da cadea alimentaria na capital comunitaria.

0.39066910743713