National Geographic sitúa a Vigo como un dos mellores destinos do Nadal

O Nadal de Vigo volve situarse entre os mellores do mundo. A revista National Geographic inclúe a cidade olívica na súa selección dos destinos europeos máis destacados para viaxar no Nadal e empaparse do espírito festivo, un recoñecemento que o alcalde, Abel Caballero, cualificou como “unha referencia moi importante, unha das grandes publicacións xeográficas do mundo e alí estamos”.
Durante a súa intervención este mércores, o rexedor lembrou que “onte montamos a estrela da árbore de Nadal, xa visible na Porta do Sol”, e asegurou que Vigo “segue batendo récords en termos de eco e de referencia no mundo”.
A reportaxe da prestixiosa publicación coloca a cidade galega xunto a Budapest, Praga, Bruxelas, Estrasburgo, Viena e Madrid, destinos europeos de longa tradición natalicia. “Vigo está aí, compartindo podio con grandes urbes europeas que son referencia”, subliñou Caballero.
O alcalde aproveitou tamén para destacar a transformación da cidade nos últimos anos: “Hai quince anos case ninguén sabía onde estaba Vigo, e hoxe é coñecida en todo o mundo polo seu Nadal”. Tamén lamentou a falta de recoñecemento por parte dos presidentes da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, preguntándose “se alguén os escoitou algunha vez falar do Nadal de Vigo”.
