Neda celebrará o 6 de xuño o seu primeiro Encontro de Xigantes e Cabezudos con máis de corenta figuras

A programación arrancará ás 11.30 horas co traslado dos cabezudos da Piruchela ata a Casa das Palmeiras
Cabezudos-
24 May 2026

O Colectivo ACDG Piruchela deu a coñecer o programa oficial do I Encontro de Xigantes e Cabezudos de Neda, unha cita cultural que se celebrará o vindeiro 6 de xuño e que reunirá na vila a máis de corenta figuras tradicionais chegadas de distintos puntos de Galicia.

O evento supón un novo paso na recuperación dunha tradición histórica desaparecida en Neda desde os anos corenta. A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Neda e busca converter o casco histórico da localidade nun punto de encontro da cultura popular galega, combinando a presenza de agrupacións convidadas coa exhibición das pezas artesanais elaboradas pola propia asociación organizadora.

A programación arrancará ás 11.30 horas co traslado dos cabezudos da Piruchela ata a Casa das Palmeiras. Media hora despois terá lugar a recepción oficial das asociacións e concellos participantes. O acto central celebrarase ás 13.00 horas e incluirá o pregón inaugural, actuacións musicais e unha exposición aberta de xigantes e cabezudos.

O encargado de pronunciar o pregón será o artesán Luis Javier Iglesias Rodríguez, coñecido como “Luchi”, recoñecido pola súa traxectoria na creación de figuras tradicionais e por traballos como o grupo de cabezudos e o cabaliño realizados para o Concello de Lalín en homenaxe ao pintor Laxeiro.

Tras o xantar de confraternidade previsto para as 14.00 horas, a atención centrarase no gran desfile da tarde, que comezará ás 17.00 horas. A comitiva percorrerá diferentes rúas do centro histórico de Neda, pasando pola Rúa Sobre a Vila, Rúa Real, Subarreiros, Rúa Castro, Praza da Rectoral e Rúa Xeneral Morgado, antes de concluír o seu itinerario polas principais vías da vila. O peche oficial do encontro está programado para as 19.00 horas.

A organización confirmou a participación de numerosas entidades e agrupacións culturais. Entre elas destacan os concellos de Pontedeume e Betanzos, que achegarán as súas históricas figuras tradicionais, incluídos os coñecidos mómaros eumeses e diversas cabezudas.

Tamén participarán asociacións culturais e veciñais de diferentes localidades galegas, como a A.V.V. de Caranza “Cuco Ruiz Cortázar” de Ferrol, a A.V.V. Ancos de Neda, a Asociación Cultural As Angustias de Nigrán e a Asociación Veciñal e Cultural O Redondelo de Lalín. A organización Transhumancia Sonora, tamén procedente de Lalín, acudirá cunha ampla representación de cabezudos tradicionais da comarca do Deza.

O apartado musical estará protagonizado pola Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene e polo grupo Vai Rañala Meu! de Narón, que acompañarán o desfile ao longo de todo o percorrido.

Desde o Colectivo Piruchela agradeceron tamén a implicación do comercio local e das empresas colaboradoras, destacando que o apoio económico e loxístico recibido resultou fundamental para facer posible unha proposta cultural “sen precedentes” na historia recente de Neda.

0.3523108959198