Nerea Pallares, Andrés Neuman e Hugo Gonçalves gañan a XXX edición do Premio Literario San Clemente

O fallo deuse a coñecer este mércores no instituto compostelán, nun acto no que seis estudantes, en representación dos dez centros participantes, anunciaron as obras escollidas
tablet-literatura-libros-diccionario-poesia
28 Oct 2026

As novelas Punto de araña, de Nerea Pallares; Hasta que empieza a brillar, de Andrés Neuman, e Revolución, do escritor portugués Hugo Gonçalves, son as obras galardoadas na trixésima edición do Premio Literario San Clemente. O certame está organizado polo alumnado de segundo de bacharelato de diferentes centros educativos, baixo a coordinación do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.

O fallo deuse a coñecer este mércores no instituto compostelán, nun acto no que seis estudantes, en representación dos dez centros participantes, anunciaron as obras escollidas nas categorías de narrativa en galego, castelán e lingua estranxeira. Os centros implicados están situados tanto en Galicia como en Madrid, Francia, Alemaña e Inglaterra.

A lectura do veredicto serve como paso previo á entrega dos premios, que adoita reunir os autores recoñecidos en Santiago. A gala acostuma celebrarse arredor do mes de febreiro, aínda que a data desta edición dependerá da dispoñibilidade dos escritores, segundo explicou a directora do IES Rosalía de Castro, Gemma Paredes, que participou no acto xunto a Arantxa Fuentes, unha das coordinadoras do certame.

Paredes salientou o carácter especial desta edición, que coincide cos 30 anos do premio e co recoñecemento recibido este ano co Premio Nacional de Fomento da Lectura, concedido polo Ministerio de Cultura. Ademais, un grupo de estudantes participou nunha actividade promovida pola Fundación Princesa de Asturias durante a semana de entrega dos seus galardóns.

A directora destacou que estes recoñecementos poñen en valor o traballo continuado do premio a prol da lectura e eloxiou a capacidade do alumnado para argumentar e defender as súas eleccións.

Na categoría de novela en galego, o xurado distinguiu Punto de araña pola maneira na que reproduce os trazos dialectais da fala cotiá, polo seu simbolismo feminista e pola abordaxe do consumo de drogas e das consecuencias do narcotráfico nas familias. O alumnado encargado de ler o fallo subliñou tamén o protagonismo colectivo das mulleres de Camariñas, que, a través das súas historias, representan a tantas outras mulleres que quedaron esquecidas ao longo da historia.

Pola súa banda, Hasta que empieza a brillar, de Andrés Neuman, foi elixida como mellor novela en castelán. O xurado valorou especialmente o labor de investigación realizado polo autor para reconstruír, en forma de biografía novelada, a vida e a obra de María Moliner. Tamén salientou a credibilidade do retrato desta figura histórica e as reflexións sobre a lingua presentes na obra.

O premio á mellor novela estranxeira recaeu en Revolución, do portugués Hugo Gonçalves. A narración sitúase nos últimos anos da ditadura de Salazar e nos comezos da democracia en Portugal. O xurado destacou a capacidade do escritor para describir o contexto político do país, marcado polo medo, a escaseza e os cambios sociais.

0.44007706642151