Néstor Rego e Besteiro anuncian un acordo sobre a transferencia da AP-9 para completar a tramitación da lei

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, desvendou esta mañá que o BNG conseguiu chegar a un principio de acordo co grupo socialista para tramitar definitivamente a lei de transferencia a Galiza da AP-9.
Explicou que se fará por medio dunha emenda transaccional que respecta fundamentalmente as propostas do parlamento da Galicia. “Implica a transferencia da titularidade da AP-9 á Administración galega e tamén a salvagarda de que o Estado asume todas as consecuencias, mesmo económicas, das decisións que ten adoptado en relación á autoestrada do Atlántico para salvagardar, por exemplo, unha hipotética finalización da concesión como consecuencia do expediente aberto pola Comisión Europea pola irregularidade das prórrogas realizadas”.
Deste xeito, BNG pon fin ao bloqueo á tramitación da lei de transferencia da AP-9 do parlamento galego para que se cumpra a vontade unánime da Cámara e da sociedade galega.
Para o BNG este é un paso moi importante que implica que se transfire a titularidade, que se transfiren todas as competencias e que se concretará nunha Comisión Mixta Goberno-Xunta da Galiza e a posterior publicación dun real decreto como é habitual en calquera proceso sobre traspaso de titularidade ou de competencias.
BNG considera este un momento fundamental porque é a concreción dunha reivindicación histórica que a AP-9 pase a ser competencia do noso pais. Mais en todo caso “queremos deixar claro que seguiremos a traballar porque a AP-9 sexa unha autoestrada libre de peaxe, que se poña fin á súa concesión. Ademais, está claro que a prórroga realizada polo PP de Aznar foi irregular e polo tanto mantemos o obxectivo dunha AP-9 galega e libre de peaxe para acabar coa discriminación e coa inxustiza que representa que os galegos e galegas e empresas ubicadas no noso pais teñan que seguir a pagar as tarifas da AP-9, aínda que neste momento sexa coas bonificacións que conseguiu BNG”.
Rego enfatizou que “unha AP-9 galega e libre de peaxe continúa a ser o noso obxectivo porque para BNG todo aquelo que beneficie o avance do noso pais sempre estará en primeiro lugar. Mais unha vez demostramos que co BNG Galiza gaña. Hoxe a cuestión é que imos conseguir esta mesma semana avanzar na ponencia na lei de transferencia da AP9 e posteriormente na comisión para a súa aprobación definitiva”.
A VISIÓN DO PSOE
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou en Ferrol, nun xantar con xornalistas, que o Grupo Socialista alcanzou un acordo con Sumar e o BNG para o traspaso da AP-9 a Galicia. O pacto materializarase mañá no Congreso a través das emendas transaccionais da Ponencia.
Besteiro precisou que o acordo permite transferir a titularidade da autoestrada á Comunidade Autónoma, así como as competencias sobre o réxime xurídico da concesión e as funcións e servizos. “É un mandato parlamentario que deberá materializarse na Comisión Mixta de Transferencias”, sinalou.
O líder dos socialistas galegos contrapuxo este avance co bloqueo do PP. “Cun Goberno socialista, o traspaso é unha realidade”, indicou, e advertiu de que “non se entendería un voto negativo” dos populares. “Bloquealo sería unha gravísima responsabilidade que contradiría todo o que viñeron dicindo sobre o propio traspaso”, engadiu.
Besteiro subliñou que, unha vez asegurada a titularidade, a prioridade segue a ser a gratuidade. “O que nos importa máis é que a AP-9 sexa gratuíta, que non lle custe un euro aos usuarios”, dixo. “O primeiro paso é a transferencia, pero o definitivo é a gratuidade. Non imos baixar a garda, non imos parar ata conseguilo”, concluíu.