Néstor Rego apelou a que o 29N ninguén “fique na casa" e asegura que en Galicia "hai alternativa, o BNG”

No almorzo informativo desta mañá en Vigo, Néstor Rego apelou ás persoas de esquerdas que poidan estar decepcionadas que un goberno que sempre quedou a medias a que o 29 N “non fiquen na casa porque na Galiza hai alternativa, é o BNG. Hai esperanza para o noso país no BNG”.
Néstor Rego fixo un balanzo “con orgullo e satisfacción porque cumprimos” ao tempo que subliñou a ausencia de iniciativas sobre Vigo e Pontevedra por parte de deputados doutras forzas.
“Fomos a voz insubornábel de defensa dos intereses da Galiza e de Vigo e unha forza que impulsou políticas transformadoras e socialmente avanzadas, de conquista de novos dereitos sociais e democráticos”, enfatizou Rego, citando cuestións como a defensa da derrogación íntegra da reforma laboral do PP, a derrogación da lei mordaza ou a Proposición de Lei do BNG para reducir a xornada laboral a 35 horas sen redución de salario.
“Comprometémonos a actuar como muro de contención frente ao bloque reaccionario e cumprimos, polo que hoxe podemos revalidar ese compromiso para o futuro. De feito, estamos en condicións de arrebatar escanos á dereita e ultra dereita porque somos a única forza política que sobe”, asegurou.
Neste sentido, fixo un chamado ás persoas que confiaron en forzas que se comprometeron en políticas sociais avanzadas e que hoxe están decepcionadas. “A decepción moitas veces leva á inacción, a quedar na casa. Mais a solución non é ficar na casa porque na Galiza hai alternativa, é o BNG. Ficar na casa é o que queren PP e Vox. Non lle fagamos ese favor. Hai alternativa. Hai esperanza para o noso país e é o BNG”.
Néstor Rego deixou claro que o BNG cumpriu coa Galiza e ilustrouno co feito de ter posto sobre a mesa desde o minuto un un paquete de medidas para resolver algúns dos principais problemas que ten o noso País e que resultou nun Acordo de Investidura. “Non o fixeron os deputados e deputadas do PP, nin do PSOE nin de Sumar. Só o BNG”, aseverou
Resaltou o feito de que moitas das medidas saíron adiante ou están en execución. Aludiu ás bonificacións da AP9 e AP53, a transferencia da AP9, o estudo para a implantación das cercanías ferroviarias do que dixo que “está practicamente concluído mais a súa implantación ficou no ar polo adianto electoral”, desvelando que en febreiro se ían declarar os primeiros núcleos de cercanías como Vigo-Pontevedra. Explicou que BNG tivo a precaución de incorporar os servizos de proximidade galegos por lei, na Lei de Mobilidade que obriga a calquera Goberno a cumprir.
No eido social, salientou a ampliación dos fondos para a Dependencia e a obriga por lei de que o Goberno cumpra co 50% dos fondos, a suba das pensións mínimas e non contributivas por riba do IPC, e a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade. Criticou ás forzas políticas no Goberno por non ter derrogado a Lei Mordaza ou a integridade da reforma laboral do PP como demandou o BNG. Ao PP reprochoulle ter votado en contra dos intereses da Galiza como na transferencia da AP-9, nos servizos de proximidade galegos na Lei de Mobilidade ou no mapa de paradas de bus estatais.
A Responsábel Local do BNG e deputada no Parlamento galego destacou o traballo desenvolvido nesta lexislatura nas Cortes onde “ só se BNG está, Galiza está”. Sinalou que “o traballo de Néstor Rego e de Carme da Silva foi fundamental para a defensa da Galiza e das clases populares, do impulso das políticas socias e como muro de contención da ultra dereita”. Asegurou que BNG encara “co convencemento de que teremos un grande resultado porque cada vez máis galegos e galegas acreditan en que só o BNG defende os intereses da Galiza ".
Xavier Pérez: “A papeleta do BNG vale por tres”
O portavoz municipal louvou o traballo do BNG nas Cortes “coherente, firme, a pé de territorio e coas mans libres, sen ordes de sedes madrileñas”. Con apenas un deputado do BNG no Congreso presentouse mais do 60% das iniciativas rexistradas sobre Vigo. Os problemas e necesidades de vigueses e viguesas foron atendidas da man do BNG no Congreso e no Senado, poñendo en evidencia a falta de interese das outras forzas políticas.
Mencionou temas como a Sareb en Vigo para que non actúe como un fondo voitre e acabe o acoso en Privada Moderna no Calvario, reclamando a cesión de todas as vivendas á disposición da veciñanza “nunha cidade con 22.000 vivendas baleiras, e onde as familias traballadoras e a mocidade non pode facer frente a un alugueiro dado que nos últimos anos se incrementaron nun 70%. Mais da metade dos alugueiros están xa por riba de 900 euros”.
Tamén as demandas para evitar a desindustrialización de Vigo onde xa “hai 7.000 empregos industriais menos”. Destacou tamén o labor feito para a mellora dos servizos ferroviarios en Vigo, cun importante aumento das prazas do Eixo Atlántico, e as iniciativas para a modernización ferroviaria Vigo-Porto, criticando un PP que puxo por riba o Madrid-Porto. Así como o pulo para que a Galiza conte con servizos ferroviarios de proximidade.
Finalizou enfatizando a relevancia destas eleccións do 29N. “É moito o que está en xogo. Nin retroceso co que ameaza a ultra dereita nin máis do mesmo. Trátase de facer máis políticas sociais e máis políticas para Galiza” e subliñou que “a papeleta do BNG vale por tres. Ese valor triplo de ser a única forza que vai facer valer os intereses de Vigo en Madrid, de impulsar políticas avanzadas e transformadoras e de frear o bloque reaccionario”.