Néstor Rego di que a lei de transferencia da AP-9 sairá adiante "a pesar do voto en contra do PP"

No marco da xeira de reunións que o BNG está a manter con diferentes colectivos, asociacións e plataformas para trasladar en que consiste a transferencia da AP-9 á Galiza e o texto conseguido pola organización nacionalista, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o voceiro municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, poñen en valor o traballo realizado. Ambos coinciden en sinalar que é “un fito histórico” e comprométense a seguir traballando para conseguir unha “AP-9 galega e libre de peaxes”.
“Unha lei que recolle catro elementos fundamentais: o traspaso da titularidade; a transferencia de todas as competencias de xestión; a garantía absoluta e xeral de que as decisións que ten adoptado o Estado no período en que foi titular da AP-9 corresponden as súas consecuencias –incluídas as económicas- á Administración Xeral do Estado; e, por último, o respecto ao autogoberno na medida en que a concreción, como é habitual, se fará na Comisión Mixta de Transferencias” explica o deputado do BNG no Congreso.
Frente a esta lei “suficientemente clara e absolutamente garantista”, sorprende o voto en contra do Partido Popular, ironiza Rego. Así mesmo, denuncia a campara de mentiras que están a desenvolver os populares a respecto das consecuencias económicas para a Galiza. En verdade, destapa Rego, “o Partido Popular non quere a transferencia como non a quixo cando tiña maioría no Congreso e o Goberno do Estado, mesmo bloqueando o seu debate”.
“O BNG activa e consegue a transferencia da AP-9 á Galiza mentres o Partido Popular a bloquea sistematicamente, traizoando os intereses da Galiza” subliña Néstor Rego, evidenciando que agora, como os conservadores están na oposición, “empregan subterfuxios e falsidades para votar en contra da transferencia da AP-9, o que terán que explicar diante da sociedade galega”.
Pola súa parte, o voceiro municipal e candidato do BNG á alcaldía de Vigo lembra o obxectivo final da sociedade galega, en xeral, e da organización nacionalista, no concreto, de “conseguirmos unha AP-9 galega e libre de peaxes”. “Queremos poñer fin a unha política de castigo e maltrato que padece á Galiza” afirmar con contundencia.
Xabier P. Igrexas recorda o traballo realizado polo BNG a respecto das bonificacións conseguidas para usuarios e usuarias da Autoestrada do Atlántico, que a día de hoxe son de até 75%, e mesmo facendo desaparecer na práctica a peaxe de Chapela.
“Conseguimos un fito como é a transferencia da titularidade e da xestión da AP-9 para que pase a ser titularidade da Xunta” reivindica Igrexas. Frente a estes logros do BNG, Xabier contrapono co papel realizado polo Partido Popular durante estes anos: “foi que prorrogou ilegalmente a concesión, quen bloqueou a tramitación da transferencia, que vota agora en contra”.