Néstor Rego reclama responsabilidade polo caos ferroviario e a falta de atención ás persoas usuarias

O BNG exixe medidas inmediatas para rematar coas reiteradas avarías na alta velocidade galega tras tres semanas de incidencias e sen solucións urxentes
Néstor-Rego-BNG
10 Jul 2026

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou responsabilidade ao Goberno do Estado e ao Ministerio de Transportes ante o que cualificou como unha situación de “caos ferroviario” na rede de alta velocidade galega, marcada por tres semanas consecutivas de incidencias e avarías que, segundo denuncia a formación nacionalista, continúan sen resposta efectiva nin medidas urxentes por parte das administracións competentes.

Rego urxiu unha revisión exhaustiva da catenaria da liña de alta velocidade en Galiza tras a nova incidencia rexistrada o pasado 8 de xullo nas proximidades do Irixo, que provocou a interrupción do tráfico ferroviario entre Ourense e Santiago e importantes retrasos nos servizos AVE. Segundo a información facilitada por Renfe, a incidencia produciuse ás 10.35 horas debido a un problema entre o pantógrafo dun tren AVLO da serie 106 e a catenaria.

O deputado nacionalista advertiu de que os problemas relacionados coa catenaria na rede galega de alta velocidade están a converterse nunha cuestión “especialmente preocupante” pola súa reiteración nos últimos meses. A avaría ocasionou atrasos de entre dúas e seis horas en numerosos servizos ferroviarios con destino ou orixe en Santiago, Ourense, A Coruña e Vigo, ademais de importantes aglomeracións de persoas usuarias nas estacións nunha xornada marcada polas altas temperaturas.

Desde o BNG lamentan especialmente a situación vivida por centos de viaxeiros e viaxeiras que permaneceron durante horas no interior dos trens sen subministración eléctrica nin aire acondicionado. A formación denuncia tamén a falta de información ás persoas afectadas e a insuficiente capacidade de resposta para xestionar as consecuencias da incidencia.

Néstor Rego considera imprescindible adoptar medidas inmediatas para evitar que situacións semellantes volvan repetirse. Entre as actuacións que reclama figura unha inspección urxente da catenaria da rede de alta velocidade galega, así como a revisión e mellora dos protocolos de actuación ante incidencias para garantir unha evacuación rápida ou alternativas de transporte eficaces, especialmente durante episodios de temperaturas extremas.

O deputado nacionalista tamén demanda que se melloren os mecanismos de comunicación coas persoas usuarias, facilitando información clara, actualizada e continua sobre as causas das incidencias e as previsións de restablecemento do servizo.

Co obxectivo de obter explicacións e compromisos concretos por parte do Executivo estatal, o BNG rexistrou diversas iniciativas parlamentarias nos últimos días. Entre as cuestións trasladadas ao Goberno figuran as causas da avaría rexistrada no Irixo, os estudos realizados por ADIF sobre as reiteradas incidencias na catenaria, a posibilidade de realizar unha revisión integral da infraestrutura e as medidas previstas para evitar que milleiros de persoas volvan quedar atrapadas en estacións ou trens sen asistencia adecuada.

Ademais, Rego solicita información detallada sobre o número de trens afectados, os atrasos acumulados por cada servizo, o volume total de persoas prexudicadas pola incidencia e o plan de transporte alternativo de Renfe para Galiza. O parlamentario nacionalista tamén pregunta ao Ministerio se está en condicións de garantir uns servizos ferroviarios fiables para a cidadanía galega e evitar que se reproduzan episodios de colapso como os vividos nas últimas semanas.

0.29140305519104