‘Non fai falta que o digas’, unha curtametraxe rural que levará o cine feito desde Rábade a Francos

A produción contará coa participación de integrantes do grupo de teatro afeccionado da localidade e rodarase os días 24, 25 e 27 de setembro neste lugar de Outeiro de Rei
rodaxe-rabade-francos-outeiro-de-rei-curtametraxe1
22 Sep 2026

O rural galego será o escenario e tamén un dos protagonistas de Non fai falta que o digas, unha nova curtametraxe de ambientación rural que nace en Rábade coa intención de achegar o cine á contorna máis próxima e contribuír á dinamización cultural do territorio. A rodaxe terá lugar os días 24, 25 e 27 de setembro en Francos, no concello de Outeiro de Rei, e contará cun elenco formado integramente por integrantes do grupo de teatro afeccionado de Rábade.

A curtametraxe presenta, desde a comedia, unha mirada ao rural actual a través de tres veciñas que se reúnen para tecer e cociñar mentres conversan sobre todo o que acontece no pobo. Entre as tres coñecen practicamente todos os detalles da vida das persoas que as rodean, aínda que o difícil, segundo a proposta da película, será entendelas. A través destas personaxes e das súas particularidades, a produción pretende retratar con humor ese pequeno universo que se constrúe arredor da vida cotiá nas aldeas.

O elenco estará integrado por Inés Losada, Lina Álvarez, Pilar Álvarez, Pili Rodríguez e Ángel Regabaixo, todos eles membros do grupo de teatro afeccionado de Rábade. A agrupación, dirixida habitualmente por Marga Portomeñe, recibiu positivamente a proposta e xa se atopa inmersa nos ensaios para preparar os personaxes e axilizar o proceso de rodaxe.

A iniciativa nace nun contexto no que o rural continúa a afrontar o problema do despoboamento e a perda progresiva de actividade, pero no que, ao mesmo tempo, están a xurdir novos proxectos culturais vinculados directamente a estes territorios. A curtametraxe pretende formar parte dese movemento e reivindicar tamén a capacidade do rural para xerar creación cultural propia.

Neste sentido, os impulsores do proxecto sinalan o auxe de iniciativas culturais que están a asentarse no territorio. Entre elas citan a recente fundación de Margarita Ledo en Castro de Rei ou a Casa Museo Genia Trigo en Gundivós, exemplos, ao seu xuízo, dun proceso polo que diferentes propostas culturais están a desprazarse cara ao rural e a converter estes espazos en lugares de creación, encontro e difusión.

A esta dinámica sumarase proximamente o recuperado cine Man de Rábade, que está chamado a converterse nun novo espazo para a cultura na localidade. A realización de Non fai falta que o digas pretende contribuír precisamente a ese momento de recuperación e apertura, levando a cabo unha proposta cinematográfica vinculada ao propio territorio e ás persoas que o habitan.

A intención é que o cine deixe de chegar exclusivamente desde fóra e que tamén poida ser creado no propio contorno, con persoas da zona e historias próximas. Por iso, a curtametraxe nace coa vontade de acompañar o inicio desta nova etapa cultural e facelo desde o mesmo lugar e coa mesma xente que forma parte da vida da comarca.

O guión da curtametraxe correrá a cargo de Euloxio Fernández, mentres que a música será responsabilidade de José Torres. A cámara e o son estarán a cargo de Nando Fernández e a dirección será asumida por Goody Speake.

O nome empregado polo director responde ademais a un pequeno xogo cinematográfico. ‘Goody Speake’ é un intento de dicir Euloxio en inglés e constitúe unha homenaxe aos tempos nos que diferentes actores e directores de cine adoptaban nomes artísticos ou pseudónimos como Paul Naschy ou Jess Franco. A proposta incorpora así unha referencia ao propio universo cinematográfico dentro dun proxecto que busca achegar o cine á realidade máis próxima.

A historia estará marcada pola comedia e polo retrato dos personaxes, tomando como punto de partida situacións e comportamentos propios da vida rural. As relacións entre veciñas, os comentarios sobre o que sucede na contorna e esa particular forma de coñecer os asuntos de todo o mundo servirán como fío condutor dunha película que pretende abordar o rural contemporáneo desde unha perspectiva próxima e humorística.

A participación do grupo de teatro de Rábade permitirá, ademais, trasladar ao proxecto audiovisual parte da experiencia escénica dos seus integrantes. Os ensaios previos buscan preparar unha rodaxe que se desenvolverá en tres xornadas, os días 24, 25 e 27 de setembro, en Francos.

Con Non fai falta que o digas, Rábade aposta así por unha creación cinematográfica vinculada ao territorio, na que a cultura, o rural e a participación veciñal se combinan para dar forma a unha historia construída desde o propio entorno. A curtametraxe pretende ser, ao mesmo tempo, unha peza audiovisual de carácter humorístico e unha pequena achega ao movemento de recuperación e dinamización cultural que está a vivir o rural galego.

0.36238598823547