“Non teño medo das mocións, estou centrada en traballar e fágoo cun equipo cohesionado”

Podería facernos un pequeno balance deste tempo que leva na presidencia?
O balance é positivo porque considero que me trouxo moito aprendizaxe, moitísima escoita e amplitude no meu coñecemento. Ao mesmo tempo, tamén estou traballando moitísimo e con bastante intensidade porque, ao ser un mandato que está a piques de finalizar, débese planificar dunha maneira diferente a, por exemplo, outro no que tes por diante catro anos. Eu xa formaba parte do goberno como deputada, pero sempre digo que, antes de alcaldesa tamén era concelleira e as cousas cambiaron para min nese momento. Agora é evidente que tamén cambiaron. Entón, en resumo, moito aprendizaxe, moita escoita, moito viaxe polo territorio e con moitísimas ganas de traballar.
Agora que xa leva uns meses, supoño que terá unha perspectiva de proxectos seus propios que rematará antes do fin da lexislatura.
O que fixen desde que cheguei é reunirme con alcaldes e alcaldesas e visitar os 67 concellos que, aínda que evidentemente non aínda fisicamente, si a través de entidades e de poñer enriba da mesa cales son as necesidades, cales habería que rematar, en cales se necesita avanzar, etc. Temos, por exemplo, residencias nas que é preciso seguir avanzando con todo o ímpeto posible porque o necesitan os nosos veciños. Así mesmo, en canto a cambios positivos, temos unha nova aplicación que tiña xa na miña área, en Economía e Facenda, que cambia a forma de traballar en canto a impostos para todos os veciños e veciñas da provincia. É algo que comecei como deputada e que vou poder finalizar como presidenta. Temos tamén eses proxectos que recollo da anterior xestión. Sempre digo que me vai tocar poñer o lazo dese centro de innovación territorial que tamén vai axudar a traer fondos europeos para toda a provincia. Está pendente tamén a granxa ou o parque nacional. Hai moitísimo traballo feito durante os anos anteriores que oxalá me toque rematar. Sobre todo, estou facendo moitísimo ímpeto na cooperación cos concellos. Como alcaldesa, teño esa visión das necesidades que temos e, ao ser esta casa o Concello dos concellos, necesito poder axudarlles a todos, aos 67.
Xorde a pregunta de que necesitamos.
Pois que a Deputación nos cubra moitas das necesidades que temos e que non somos capaces de resolver porque a nivel técnico somos unidades pequenas que necesitan deste paraugas. Eu sempre digo que me encantaría que se puxeran en valor as deputacións porque moitas veces o que se escoita é que este organismo non é útil e está só para que os catro políticos de quenda vivan dela. E non é real, os 67 concellos, grazas a esta casa, poden por exemplo rematar proxectos ou poden sacar pregos para diferentes contratacións e obras. Temos ese Plan Deputación co que xa nós, os alcaldes e alcaldesas, podemos prever que proxectos queremos facer para os seguintes anos. É dicir, sabemos que temos amparo económico, que temos amparo a través desa cooperación cos concellos, de técnicos que necesitamos para poder sacar o día a día dos nosos concellos, e despois tamén temos a Deputación como paraugas para que os sectores produtivos da nosa provincia poidan avanzar en proxectos clave que ao final benefician a todo o territorio. Entón, a que me estou dedicando?, a entrelazar todas as peticións que recibo, visitar sobre todo aquilo que me parece importante e que pode proxectar Lugo. Aparte de utilizar a miña voz cara a un único obxectivo: que necesita Lugo.
E que é exactamente o que máis precisa?
Pois é evidente. Estamos moi mal comunicados, ninguén quere vir traballar aquí, e xa non só tendo en conta o punto de vista dos salarios, senón porque a comunicación é horrorosa. Eu tardo en vir a Lugo unha hora e dez aproximadamente, iso non debería ser, é inxusto, entón, que estou aproveitando?, pois, agora que a miña voz vale un pouco máis, teño que elevar a dos meus 66 compañeiros, porque ao final é moi gratificante sentarme con todos e con todas e ver que dá igual da cor que sexamos, todos temos unha liña común, case sempre os mesmos problemas ou preocupacións e a miña ilusión sería que, unindo forzas desde esta casa, poidamos entendernos para tres ou catro liñas estratéxicas, mellorar como provincia, e loitar para que sexa así.
Dentro dos proxectos e como peza fundamental dos últimos anos, vaise manter o investimento en estradas?
Si, de feito, teño un mapa de estradas das peticións que tiven de todos os alcaldes e alcaldesas. No meu caso, traballo moito con eles e tiven que coller un mapa mudo para volver estudarme o sur da provincia, porque había algún concello que me bailaba. Non me dá vergoña admitilo, gustaríame poñerlle un mapa mudo a moita xente da nosa provincia para ver se é capaz de situalos todos (risas). Estamos levando á Xunta de Goberno local estradas todos os venres porque é certo que temos unha rede moi ampla, e ademais tocounos un inverno moi difícil, porque se viñeron abaixo moitísimas estradas, tivemos moitísimos incidentes, e é algo que me preocupa porque poden provocar accidentes. Incluso, imos investir, en algo que para min tamén é esencial, o parque móbil, temos que movelo nas estradas provinciais, e no remanente levamos tamén unha partida, que son 200.000 euros, para facer outro equipo máis de traballo. Para min, as estradas son fundamentais, non podo estar por un lado pedindo melloras das comunicacións na provincia, pero ter mal as estradas provinciais.
Tamén estivo falando co presidente da Xunta, a quen lle levou un decálogo de necesidades. Está habendo xa algunha repercusión desde a reunión ou non hai novidades?
Ao final, nesa reunión o que queriamos era arrancar grupos de traballo. Estivemos co anteproxecto de lei, no que si que arrancamos varios compromisos de que van ter en conta, e xa tiveron en conta varias das nosas alegacións como Deputación. No que máis insistimos era en determinar que competencias temos as deputacións e, sobre todo, se temos que facer máis traballo como imos financiar, porque eu sempre digo, a manta, ou tapa os pés ou tapa a cabeza. Agora temos a gran oportunidade de modificar esa lei que é vital, e nós agradecidos de que se modifique, pero traballemos en conxunto para conseguir ter un resultado o mellor posible. Seguramente isto é como cando amoblas unha casa, que cando acabas volverías a empezar para cambiar todo, pero imos intentar axustala á realidade do que somos capaces de facer para que ao final repercuta positivamente para todas as administracións e finalmente nas persoas.
Nestes momentos, as reunións cos concellos están sendo fundamentais, como está sendo este primeiro paso? porque aquí estamos falando de concellos de diferente cor, entón non é doado unificar criterios.
Están sendo moi produtivas. Nestas reunións teño unha carpeta e unha ficha por cada concello, que xa pedín previamente, cos antecedentes de que pasou con este concello, que axudas recibiron, que arranxos de estradas houbo, se estivo o parque móbil ou non, que peticións houbo enriba da mesa, en cooperación en que lles estamos axudando. É dicir, analizar a situación global na que se atopa. Sempre empezo polas estradas e o primeiro que quero saber é en que situación se atopan, en cales temos que operar inmediatamente, por onde pasa máis xente e cales se consideran vitais para o ben do concello. Despois pasamos ao Plan Deputación, a falar de que se fixo ata agora ou que van facer e por que están apostando, para así poder facerme un resumo e ademais coñecer mellor o territorio, porque si que é verdade que dependendo do concello se inviste máis en estradas, como é o caso da montaña. En territorio máis urbano, apóstase por outro tipo de investimentos. Está sendo moi enriquecedor e a min permíteme obter esa información que necesito para desenvolver un proxecto e poder planificar os recursos que temos e saber cara onde os debemos dirixir para conseguir ese equilibrio territorial baseado nunha igualdade de oportunidades.
Entrando na situación actual da política, parece que o PP ten atada unha moción de censura no Concello de Lugo. Quería saber que lle parece a vostede?
Paréceme lamentable que o Partido Popular se aproveite dun goberno que é evidente que o tivo moi complicado. Desde aquí quero poñer en valor o traballo de Miguel, compañeiro nesta casa, porque creo que todos sabemos que a situación de dificultade é evidente. Polo tanto, ante tales circunstancias, creo que a responsabilidade da oposición é garantir, a un ano das eleccións, que haxa estabilidade e que na túa cidade se poida traballar con tranquilidade, facendo oposición, por suposto. No meu caso, como concelleira que formou parte dun goberno, téñoo moi claro, se non estou contenta pola mesma porta que entrei, saio. Iso é o que eu creo que hai que facer se es unha persoa que ten un mínimo de sentido común e de criterio. Nunca na política podes pensar só en ti.
A unión dunha tránsfuga e tres falecementos parécelle especialmente delicado como para que o PP marcase a dirección dunha liña vermella contra esta moción?
Paréceme delicado todo o que foi sucedendo ao longo do mandato. Non quería entrar exactamente en que, porque evidentemente foi moi daniño e doloroso, pero eu resúmoo así, todos e todas sabemos que foi moi difícil este mandato e creo que a maneira na que actuaron non podería describila dunha forma educada.
Quería destacar que hai máis movementos similares noutros lugares como o acordo do PP con Camiña Sarria ou o que está pasando tamén en Vilalba. Que lle parece isto, e sobre todo nesta recta final do ano que queda de cara ás municipais?
Paréceme que, a pesar de ser unha fórmula legal, non é a máis axeitada para chegar ao poder.
Ten medo de que esas prácticas leven ao PP a San Marcos?
Medo ningún. A verdade é que non.
Pensa que o labor que está facendo pode remontar a crise a raíz do episodio de Tomé?
Eu non teño medo, sinceramente. Estou centrada en traballar e teño a sorte de que traballo cun equipo cohesionado. A verdade é que eu me afasto do ruído e céntrame tanto en ter un proxecto, unha estratexia de traballo a seguir clara que non teño medo, dígoo de verdade. Aquí evidentemente xogas sempre partido a partido, pero non o teño na miña cabeza.
Tamén se dá a situación, falabamos antes do caso de María Reigosa, agora non adscrita. O expresidente da deputación está tamén na condición de non adscrito, e tras a súa renuncia, o seu voto tamén é decisivo. Cre que se pode chegar a vivir unha situación paralela á que vivimos no Concello?
Non o plantexo, é máis, descártoo totalmente.
Como é a súa relación actualmente con Tomé?
A miña relación con Tomé é cordial. Hai que ter en conta que é expresidente, excompañeiro, é deputado desta casa e ademais, alcalde de Monforte, polo que a miña relación con el é cordial, como con todos os deputados e deputadas desta casa. E insisto, como estou tan centrada en que a provincia non pare de traballar, en sacar os proxectos para adiante, nunca supuxo para min un problema a nivel de traballo.
E a relación cos deputados cos que tivo problema aí atrás mellorou?
Si, a miña relación nunca foi mala con ningún dos compañeiros e compañeiras deputadas. Eu tiña claro que, se lideraba, lideraba un equipo.
Funciona cohesionado agora mesmo entón?
Si, non entendo outra forma de traballar. Deixeino claro desde o principio, ademais.
E esas diferenzas que se trasladaron tamén ás primarias na provincia, vense patentes ou están as augas calmadas?
Agora mesmo estamos traballando, e estamos traballando como equipo porque é así como se debe facer. Eu non o entendo doutra forma.
O seu predecesor tamén dirixía o partido na provincia, é bastante común que as presidencias das deputacións sexan quen tiren polo partido na provincia. Gustaríalle dar o paso para ser secretaria xeral.
Agora mesmo estamos en mans dunha xestora e eu débome a esa xestora. Ao final a decisión dependerá do que os meus compañeiros consideren mellor para todos. Son de xogar partido a partido e agora mesmo estou centrada na presidencia da Deputación, ademais da miña Alcaldía que para min é fundamental. Se se dá o caso, se pasamos a ese partido, eu tería que valoralo e estudalo.
E como é a súa relación actual coa dirección do PSdeG?
Ben, sa, sempre foi e continúa sendo así. Son crítica, pero son das que di as cousas dentro da casa.
Como valora o liderado de Besteiro?
Para min é un bo líder. O seu traballo está patente xa non só a nivel provincial, senón a nivel galego e mesmo estatal. Ser líder hoxe en día ademais é moi difícil e máis dentro da política actual porque agora mesmo está moi ensuciada. No meu caso, eu son moi leal fóra da casa, pero moi crítica dentro dela e é evidente que todos podemos mellorar, pero a sabendas de que é moi difícil ser líder hoxe en día.
E cre que cando se reúnen os órganos do partido para falar hai suficiente intercambio orgánico?
Agora que estou percorrendo a provincia e falando con todos os compañeiros e compañeiras que, a pesar de que xa os coñecía, agora teño a posibilidade de escoitalos moito máis, creo que temos uns activos moi potentes. Temos que autocriticarnos, dicir que isto saíu mal, preguntarnos por que saíu mal e como podemos saír adiante. E estou totalmente convencida de que o podemos facer.
Referiuse en varias ocasións a Burela, ao concello que goberna. Queda pouco menos dun ano para as próximas eleccións municipais e a pregunta é clara, vai ser candidata?
Si, eu quero ser candidata. Aínda teño moitísimo traballo que facer en Burela e se os meus compañeiros o consideran, eu son súper feliz sendo alcaldesa de Burela.