Novas Xeracións de Galicia sitúan a vivenda como a principal preocupación da mocidade e destacan as medidas da Xunta

As Novas Xeracións de Galicia fixaron este martes o calendario de accións para os próximos meses nunha reunión de traballo celebrada na sede autonómica do partido, en Santiago de Compostela, na que tamén analizaron as principais preocupacións da mocidade galega. A vivenda foi identificada como a súa prioridade, xunto co emprego e os estudos.
A presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, mantivo o encontro co secretario de NNXX da Coruña, Yannick Juncal, e cos presidentes provinciais de Lugo, Miguel Gallego; Ourense, Martín Gil, e Pontevedra, Raúl Santamaría.
Durante a reunión, os representantes das organizacións xuvenís puxeron en valor as medidas impulsadas polo Goberno galego, presidido por Alfonso Rueda, para facer fronte ás principais dificultades que afectan á mocidade. Grueira defendeu o papel dos mozos e mozas na vida política e municipal e asegurou que son o “verdadeiro motor do futuro de Galicia”.
“A mocidade temos un papel fundamental: somos motor dese futuro da Galicia que queremos, dunha Galicia de oportunidades, dunha Galicia na que estudar, traballar e desenvolver o noso proxecto de vida”, afirmou. Neste sentido, apostou por fomentar a implicación da xuventude na vida dos concellos e por que participe na defensa das preocupacións das novas xeracións.
A vivenda centrou boa parte do encontro ao ser considerada a preocupación “número un” da mocidade galega. Grueira destacou que o acceso a unha vivenda é unha das principais dificultades para a emancipación e reivindicou as políticas desenvolvidas pola Xunta como unha vía para facilitar o acceso dos mozos a un fogar.
Entre as medidas destacadas figuran a construción de máis vivenda pública, con reserva especial para menores de 36 anos, o Bono Emancípate e os programas de acceso e rehabilitación de vivendas. Segundo as Novas Xeracións, estas iniciativas poden ofrecer novas oportunidades á mocidade e contribuír á recuperación e dinamización dos concellos rurais.
Neste ámbito, lembraron tamén a nova liña de axudas posta en marcha en 2026 para a rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes, cun investimento inicial de cinco millóns de euros de fondos propios, así como as axudas para adquirir vivenda en municipios de ata 10.000 habitantes.
“Estas medidas son unha oportunidade para facilitar o acceso á vivenda á xuventude, pero tamén para contribuír a fixar e atraer poboación ao rural”, afirmou Grueira.
Emprego e educación, outras das prioridades
No ámbito laboral, as Novas Xeracións salientaron programas da Xunta como Rural Activo, destinado a fomentar o emprego no medio rural; o Bono Remuda, para facilitar o relevo de negocios e garantir a continuidade da actividade económica; os colivings como alternativa residencial para favorecer o asentamento de poboación no rural, e as axudas á incorporación de mozos ao medio rural.
Neste último caso, lembraron que a convocatoria de 2026 conta cunha dotación de 53 millóns de euros, dos que 23 millóns están destinados á incorporación da mocidade e 30 millóns aos plans de mellora asociados.
A educación foi outro dos asuntos abordados durante o encontro. Os representantes xuvenís puxeron en valor a aposta da Xunta por políticas neste ámbito e destacaron que en Galicia é posible estudar de maneira gratuíta desde a escola infantil ata a universidade.
Segundo sinalaron, estas medidas contribúen a reducir o esforzo económico das familias e facilitan que os mozos e mozas poidan acceder aos estudos universitarios e continuar neles.
As Novas Xeracións cualificaron o encontro de “moi frutífero” para iniciar o novo curso político e avanzar na planificación das próximas accións.
A reunión dá continuidade ao primeiro encontro mantido hai unhas semanas na Escola de Verán “Gerardo Fernández Albor”, en Lalín, onde os representantes xuvenís xa abordaran, a través de diferentes faladoiros, cuestións relacionadas coa Galicia do futuro, os retos do municipalismo e o papel da mocidade na política.