O 061 atendeu este ano unhas 187.000 emerxencias e máis de 414.000 chamadas

No que vai de ano, mobilizou máis de 128.000 recursos e interveu en preto de 3.300 accidentes de tráfico
helicoptero-061
27 May 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe o labor do 061 de Galicia que, neste ano, xa deu resposta a 187.000 emerxencias e máis de 414.000 chamadas da cidadanía, mobilizando máis de 128.000 recursos e intervindo en preto de 3.300 accidentes de tráfico.

O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado do director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez, interveu na inauguración da XVIII Xornada sobre a Urxencia e a Emerxencia. Novidades en Reanimación Cardiopulmonar.

Para o conselleiro, o traballo do 061 vai moito máis alá da atención inmediata, xa que, ademais de salvar vidas, desenvolve unha enorme función social a través da formación, da prevención e da concienciación cidadá.

Gómez Caamaño incidiu en que esta xornada se celebra nunha data especialmente significativa, xa que hoxe é o Día Internacional das Urxencias e as Emerxencias. Ao respecto, o conselleiro agradeceu ao 061 o seu labor diario e o seu compromiso coa cidadanía, que atende as 24 horas os 365 días do ano.

O máximo responsable do Sergas puxo en valor que o seu departamento leva anos reforzando a capacidade das urxencias dos hospitais e potenciando o papel do 061 para responder ás necesidades asistenciais do conxunto do territorio.

Neste senso, lembrou que o Goberno galego reclamou de xeito insistente ante o Ministerio de Sanidade a necesidade de creación da especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias e, por fin, este ano Galicia conta cos primeiros seis MIR formándose nesta especialidade.

Programas pioneiros

Na súa intervención, Gómez Caamaño subliñou que a Consellería de Sanidade e o 061 dedican todos os anos esforzos para achegar á poboación todas as ferramentas que lles permitan tomar acción se a situación o require. O mellor exemplo é o programa de RCP na Aula, en colaboración coa Consellería de Educación, co que xa se formaron máis de 102.000 alumnos.

Outros programas pioneiros do 061-Galicia son o Acude e Axuda, rexistro de voluntarios formados en soporte vital básico e manexo de desfibriladores con 555 persoas inscritas.

Tamén citou o conselleiro o rexistro existente na APP do Sergas Móbil, no que se atopan localizados todos os desfibriladores externos semiautomáticos existentes en Galicia, un total de 3.625.

Gómez Caamaño quere seguir avanzando para incorporar novos instrumentos e programas innovadores ao 061 como a RCP-ECMO técnica cuns resultados moi prometedores que pode converterse no futuro da RCP, sendo Urxencias Sanitarias de Galicia o único servizo de España que conta con este recurso. Así mesmo, incidiu na necesidade de crear novos espazos cardioprotexidos.

Referiu que contar cun sistema de urxencias e emerxencias como o 061 de Galicia é unha auténtica garantía de seguridade e de máis oportunidades de salvar vidas e reducir secuelas, sobre todo nas patoloxías tempo-dependentes.

0.27770090103149