O 061 reforzará a cobertura sanitaria do Salnés no verán cunha ambulancia medicalizada en Sanxenxo

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 volverá reforzar este verán a atención ás urxencias e emerxencias na comarca do Salnés coa instalación temporal dunha ambulancia medicalizada en Sanxenxo. O servizo estará operativo desde o 1 de xullo ata o 31 de agosto para facer fronte ao incremento da poboación e da actividade asistencial durante a tempada estival.
A ambulancia asistencial de soporte vital avanzado, que habitualmente presta servizo desde o Hospital do Salnés, trasladarase ao centro de saúde de Baltar, situado entre Sanxenxo e Portonovo. Desde esta base dará cobertura sanitaria as 24 horas do día aos concellos de Sanxenxo, Cambados, O Grove, Meaño, Meis, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Ribadumia.
Desde o 061 explican que durante os meses de verán a chegada de turistas provoca un notable aumento da poboación na zona, así como unha maior intensidade do tráfico nas estradas, circunstancias que elevan o número de incidencias e a demanda de asistencia sanitaria urxente.
Ademais, o incremento de residentes temporais tradúcese nun maior número de intervencións por diferentes causas, entre elas alteracións da consciencia, convulsións ou problemas respiratorios.
Como complemento a este dispositivo especial, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 tamén reforzará a asistencia na comarca cunha ambulancia de soporte vital básico con base en Vilagarcía de Arousa. Este recurso prestará servizo igualmente entre o 1 de xullo e o 31 de agosto para atender urxencias e emerxencias extrahospitalarias.
A unidade contará cun equipo formado por dous técnicos en emerxencias sanitarias e estará equipada cun desfibrilador externo semiautomático, ao igual que o resto dos vehículos da rede de transporte sanitario urxente do 061.