O 56,5% da comunidade universitaria da USC viu contidos sexuais dixitais non consentidos ou xerados con IA

Arredor do 80% da comunidade universitaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC) está exposta á desinformación de xénero no ámbito dixital, mentres que o 56,5% viu contidos sexuais non consentidos ou xerados mediante intelixencia artificial (IA). Porén, só o 14,4% sabería onde acudir para denunciar este tipo de situacións.
Así o revela unha investigación liderada polo grupo de investigación de Tecnoloxía Educativa (TECNOEDUC) da USC, realizada no marco do proxecto DESVELA-VX, centrado na desinformación, os deepfakes sexuais e a violencia de xénero dixital. Os primeiros resultados presentáronse este xoves no primeiro Encontro Científico do Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da USC, celebrado no Campus Sur, polas profesoras e investigadoras Lorena Casal-Otero e Carmen Fernández-Morante.
O estudo, baseado nunha mostra de máis de 1.000 persoas da comunidade universitaria —das que o 64,6% son mulleres, o 33,3% homes e o 1,2% persoas non binarias—, constata que o 91% das persoas enquisadas está exposto a contidos falsos, manipulados ou xerados con IA.
Aínda que o 82% coñece a gravidade dos deepfakes sexuais e sabe que constitúen un delito, só a metade sería capaz de identificar contidos creados mediante intelixencia artificial. Ademais, as investigadoras sinalan que a exposición a estes materiais non afecta por igual a todos os colectivos. Así, o 71,3% do estudantado afirma ter visto algunha vez contidos sexuais deste tipo, fronte ao 44,3% do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) e o 37,7% do persoal docente e investigador (PDI).
As diferenzas tamén se observan en relación coa violencia dixital: o 9,2% das persoas LGBTI declara tela sufrido, fronte ao 4,5% das persoas que non pertencen a este colectivo.
Outro dos aspectos destacados pola investigación é a escasa resposta ante situacións denunciables. A maioría das persoas que viviron ou presenciaron algún destes episodios non presentou denuncia nin solicitou axuda. Entre os motivos figuran a falta de confianza no sistema, sinalada polo 69,7%; a vergoña ou o medo, polo 42,4%; e o descoñecemento dos recursos aos que acudir, polo 30,3%.
Ante esta situación, o equipo investigador considera fundamental reforzar a formación da comunidade universitaria mediante unha alfabetización crítica fronte á intelixencia artificial e á desinformación de xénero. Tamén propón dar maior visibilidade aos recursos dispoñibles na USC, como a Oficina de Igualdade, os protocolos de actuación e a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), así como mellorar a atención ás vítimas con respostas máis áxiles que eviten a súa revitimización.
As investigadoras consideran prioritario dirixir estas medidas especialmente ao estudantado e ás persoas LGBTI, dous dos colectivos nos que os datos amosan unha maior exposición ou incidencia da violencia dixital.
Un proxecto con impacto científico, social e institucional
O proxecto DESVELA-VX pretende ofrecer un diagnóstico integral e sistemático sobre a desinformación de xénero e os deepfakes sexuais no ámbito universitario galego, ademais de analizar o marco xurídico penal ante as novas realidades tecnolóxicas.
No ámbito social e preventivo, a iniciativa contempla a elaboración de materiais interactivos de alfabetización mediática con perspectiva de xénero e recursos dixitais abertos, con licenza reutilizable, que poidan aplicarse tamén noutras universidades e centros de educación secundaria.
No plano institucional, busca mellorar a atención ás vítimas e os protocolos da USC mediante a transferencia de recomendacións e plans de acción á Oficina de Igualdade, así como impulsar a sensibilización da comunidade universitaria.
A iniciativa conta co financiamento das Axudas á Investigación da Universidade de Santiago de Compostela, no contexto do desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
O primeiro Encontro Científico do ICE
A presentación dos resultados enmárcase no primeiro Encontro Científico do Instituto de Ciencias da Educación da USC, unha xornada de carácter internacional que reúne persoal investigador e especialistas de diferentes universidades e institucións para abordar os desafíos actuais da educación e intercambiar perspectivas sobre o futuro da investigación educativa.
O programa estrutúrase en dúas sesións. A da mañá está dedicada á intelixencia artificial, á desinformación e á violencia de xénero dixital, mentres que a da tarde se centra na axenda científica do Instituto e nos retos de futuro da investigación educativa, coa participación de especialistas de universidades de España, Portugal e Eslovenia.