O acordo estatal do téxtil non apaga o conflito laboral na Coruña

O primeiro convenio estatal das grandes cadeas do comercio téxtil xa ten acordo, pero a tensión laboral continúa aberta na Coruña. A patronal ARTE e os sindicatos CCOO e Fetico pecharon o texto definitivo dun pacto que afectará a máis de 120.000 persoas traballadoras en todo o Estado, arredor de 7.000 na provincia coruñesa, tras máis de dous anos de negociacións.
A sinatura supón un paso importante para un sector que ata agora funcionaba cun mapa moi fragmentado de convenios provinciais. O novo marco busca unificar condicións nas grandes cadeas de moda e introduce medidas en materia de xornada, salarios, descansos, contratación e conciliación.
Entre os principais cambios figura unha redución progresiva da xornada anual, que pasará a 1.770 horas en 2026, 1.760 en 2027 e 1.740 en 2028. O acordo tamén recolle incrementos salariais do 3% para 2027 e 2028, unha cláusula adicional vinculada ao IPC, 31 días de vacacións anuais e un aumento gradual dos fins de semana libres.
Para CCOO e Fetico, o convenio representa un avance porque fixa un marco común para as grandes cadeas e incorpora melloras nun sector marcado pola parcialidade e polas diferenzas entre territorios. A patronal, pola súa banda, defende que o texto dará estabilidade e homoxeneidade ás relacións laborais no comercio de moda.
Pero a lectura é moi distinta na Coruña. A CIG rexeita o acordo ao considerar que non garante suficientemente os dereitos xa recollidos nos convenios provinciais e mantén a folga convocada para o 2 de xuño. A central nacionalista tamén continúa coa acampada diante da Confederación de Empresarios da Coruña, iniciada para reclamar un marco galego que blinde as condicións laborais conquistadas.
O sindicato considera insuficientes as últimas concesións introducidas na negociación. Segundo a súa análise, garantías como o mantemento do complemento do 100% nas baixas laborais ou o recoñecemento do descanso como tempo efectivo de traballo só quedarían preservadas de forma limitada nos territorios onde xa existían, como é o caso da Coruña.
O fondo do conflito está no encaixe entre o novo convenio estatal e os dereitos xa consolidados a nivel provincial. A CIG teme que a entrada en vigor do novo marco poida abrir a porta a unha perda de condicións para parte do persoal, especialmente para as novas contratacións, e reclama que se manteña a prioridade dos convenios provinciais.
Deste xeito, o acordo alcanzado en Madrid non pecha a mobilización na cidade. O 2 de xuño será agora a próxima data clave para medir a resposta das traballadoras do comercio téxtil coruñés ante un convenio que nace con apoio maioritario na mesa estatal, pero cunha forte contestación sindical en Galicia.