O alcalde de Monforte asume a vicepresidencia do Eixo Atlántico e reclama á Xunta o acceso ao Porto Seco

A Comisión Executiva da entidade, reunida en Matosinhos, ratificou o nomeamento e aprobou un orzamento de 5 millóns de euros para 2027, mentres se reclaman avances pendentes en materia de infraestruturas
comisión executiva Monforte
17 Nov 2026

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, foi ratificado como vicepresidente da Comisión Executiva do Eixo Atlántico durante a reunión celebrada este martes en Matosinhos (Portugal), nun encontro que tivo como sede a Antiga Fábrica de Conservas Vasco da Gama. O nomeamento chega tras os cambios producidos na presidencia da entidade a raíz da baixa do exalcalde de Lugo, Miguel Fernández, e fai efectiva unha decisión que xa fora adoptada o pasado mes de maio, coincidindo coa inauguración da IX edición de Expocidades en Amarante.

Con este nomeamento, o rexedor monfortino pasa a ocupar o cargo que ata agora desempeñaba o alcalde de Viana do Castelo, Luís Nobre, quen á súa vez asumiu a presidencia tras o relevo de Miguel Fernández.

Tras coñecerse a ratificación, Tomé agradeceu a confianza depositada polos membros da comisión e puxo en valor a relevancia de asumir esta responsabilidade nunha organización que, ao seu xuízo, resulta clave para estreitar os lazos entre Galicia e o norte de Portugal. “Asumir esta vicepresidencia supón un impulso ao compromiso de seguir traballando para reforzar os vínculos entre Galicia e Portugal, defender os intereses dos nosos territorios e promover proxectos comúns que contribúan ao desenvolvemento económico, social e cultural das dúas beiras do Miño”, sinalou.

O rexedor quixo tamén destacar o papel que, na súa opinión, pode xogar o interior de Galicia nese desenvolvemento conxunto, poñendo como exemplo o potencial do Porto Seco de Monforte. Explicou que as zonas de interior poden complementar as cidades portuarias, que en ocasións afrontan limitacións de espazo, aproveitando as capacidades loxísticas e de transporte do territorio. Neste sentido, lembrou que Monforte constitúe un nó ferroviario estratéxico, con conexións cara ao norte, ao sur e á Meseta, e que conta cunha infraestrutura concibida dende a súa orixe para converterse nun nodo loxístico de peso.

O alcalde aproveitou tamén para lamentar a falta de avances por parte da Xunta de Galicia na conexión desta infraestrutura coa N-120. Lembrou que, dende a súa inauguración en 2014, non se executou ningún treito de acceso a esta vía, malia que a actuación figura reiteradamente nos orzamentos autonómicos sen chegar a materializarse. Ao seu xuízo, non se trata dun problema de recursos senón de vontade política, e insistiu en que o desenvolvemento do Porto Seco resulta esencial non só para impulsar a actividade loxística e xerar emprego, senón tamén para convertelo nun verdadeiro motor de desenvolvemento comarcal, algo que considera especialmente necesario para o interior de Galicia.

Orzamento de 5 millóns para 2027

Durante a reunión tamén se abordaron as principais liñas de traballo da entidade e aprobouse o orzamento correspondente ao exercicio 2027, que ascende a 5 millóns de euros. Así mesmo, acordouse que a próxima Asemblea Xeral do Eixo Atlántico celebrarase en Guimarães o próximo mes de febreiro, encontro no que os representantes dos municipios integrantes aprobarán as liñas estratéxicas para o vindeiro ano, recollidas no programa anual e no programa de actuación.

A aprobación das contas permitirá dar continuidade ao traballo desenvolvido pola entidade e reforzar a súa actividade en ámbitos como o desenvolvemento económico, o turismo, a sustentabilidade urbana, a cultura, a educación, o deporte e a cooperación internacional. A Comisión Executiva deu tamén luz verde ao informe de xestión e ao informe económico, presentados polo presidente do Eixo Atlántico, Luís Nobre, e polo secretario xeral, Xoán Vázquez Mao.

No repaso á actividade desenvolvida durante 2026, destacouse que foi un ano marcado pola cooperación internacional, a análise dos retos territoriais e o impulso de iniciativas conxuntas en distintos eidos. A escala europea, o Eixo Atlántico liderou sete proxectos vinculados ao turismo, o reto demográfico e a prevención de incendios, reforzando así a cooperación entre territorios e a súa presenza en iniciativas de dimensión internacional.

A planificación e a análise territorial ocuparon tamén un lugar destacado ao longo do ano, coa elaboración de estudos e informes sobre cuestións clave para o futuro das cidades, entre eles un informe socioeconómico de Galicia e o norte de Portugal, ademais de traballos sobre planificación urbana e prevención de incendios forestais. Estas análises abordan retos como o desenvolvemento económico local, o impacto da calor extrema na saúde da poboación —no contexto do cambio climático— e a relación entre o abandono rural e o aumento do risco de incendios.

No eido turístico, sobresaíu a celebración da IX edición de Expocidades en Amarante, cita que dá visibilidade á oferta cultural, gastronómica e comercial dos municipios participantes e que fomenta o turismo de proximidade. A entidade continuou así mesmo traballando en novos modelos de turismo sostible e de calidade, como o turismo policéntrico e o turismo de autor, orientados a diversificar os destinos, repartir mellor os fluxos de visitantes e poñer en valor a identidade e os recursos propios de cada territorio.

1.0526080131531