O alcalde de Vilamartín de Valdeorras anuncia a súa dimisión tras 15 anos na política municipal

O alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro, comunicou este xoves durante a sesión plenaria do Concello a súa decisión de abandonar a Alcaldía por motivos persoais, poñendo así fin a unha etapa de máis dunha década á fronte do goberno municipal.
O rexedor socialista explicou que a renuncia responde a razóns “estritamente persoais” e asegurou que se trata dunha decisión tomada tras unha longa reflexión. Visiblemente emocionado, recoñeceu a dificultade de deixar a política local despois de 15 anos de dedicación ao Concello, aínda que sinalou que neste momento debe priorizar a súa vida familiar e profesional.
Álvarez Barreiro agradeceu o apoio recibido ao longo destes anos por parte da veciñanza, da corporación municipal e do persoal do Concello, cos que compartiu diferentes etapas de goberno desde a súa chegada á Alcaldía.
En declaracións posteriores, o alcalde incidiu en que os últimos mandatos estiveron marcados por situacións complexas, especialmente relacionadas cos incendios forestais e os problemas de abastecemento de auga, circunstancias que, segundo explicou, lle impediron dedicar o tempo necesario á súa familia e ao seu traballo como canteiro.
Durante a súa intervención tamén reivindicou o labor realizado polo seu executivo municipal, destacando que conseguiu abrir o Concello á cidadanía tras décadas nas que, segundo indicou, a institución estivo gobernada pola mesma familia. Ao seu xuízo, durante estes anos promoveuse unha maneira diferente de entender a administración local e a relación coa veciñanza.
Enrique Álvarez Barreiro chegou á Alcaldía en 2011 como cabeza de lista do PSdeG, converténdose no primeiro alcalde socialista da historia democrática de Vilamartín de Valdeorras. En 2013 perdeu o bastón de mando tras prosperar unha moción de censura impulsada polo PP, aínda que recuperou a Alcaldía nas eleccións municipais de 2015, nas que obtivo a primeira das súas tres maiorías absolutas consecutivas, reeditadas posteriormente en 2019 e 2023.
Segundo distintas fontes, a actual tenente de alcalde e deputada provincial, Sherezade Núñez, perfílase como principal candidata para asumir a Alcaldía.
A sesión plenaria deixou tamén cambios no grupo municipal do PP. Dúas das tres concelleiras populares, María Isabel Santos e Susana María Morgado, anunciaron a súa intención de continuar na corporación como non adscritas debido ás discrepancias mantidas co portavoz municipal, José Pinto Álvarez, que quedará como único representante do grupo popular no Concello.