O Arde Lucus protagonizará o cupón da ONCE do 21 de xuño

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, xunto aos concelleiros de Turismo e Museos, Agustín Gallego Vigo, e de Cultura e Educación, Javier Vázquez Prado, participou esta mañá na presentación do cupón especial da ONCE dedicado ao XXV aniversario do Arde Lucus.
No acto estiveron presentes o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, e o director da Axencia da ONCE en Lugo, Francisco Javier Farnés Caminero, que deron a coñecer esta edición especial que se emitirá o próximo domingo 21 de xuño coincidindo coa celebración da festa.
A través de cinco millóns e medio de cupóns distribuídos por toda España, a imaxe do Arde Lucus chegará a milleiros de fogares, converténdose nun extraordinario escaparate para unha celebración que, ao longo dos seus vinte e cinco anos de historia, se consolidou como unha das grandes referencias culturais e turísticas de Galicia e que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.
Elena Candia agradeceu á ONCE a súa implicación nesta conmemoración e destacou o valor desta colaboración para seguir proxectando a imaxe de Lugo máis aló das nosas fronteiras. “Cada cupón será tamén unha invitación a coñecer a nosa cidade, a súa historia e unha festa que forma parte xa da identidade colectiva dos lucenses”, sinalou.
A alcaldesa puxo en valor que esta edición especial coincida coa celebración do XXV aniversario do Arde Lucus, unha efeméride que confirma a consolidación dunha festa que naceu da implicación da cidadanía e que hoxe constitúe un dos principais emblemas culturais e turísticos de Lugo.
O cupón do Sueldazo da Fin de Semana da ONCE repartirá un premio principal de 300.000 euros ao contado máis 5.000 euros ao mes durante 20 anos consecutivos, ademais doutros premios complementarios de 2.000 euros mensuais durante 10 anos.
Desde o Concello destacan que iniciativas como esta contribúen a reforzar a promoción exterior de Lugo e a seguir difundindo o valor patrimonial, histórico e cultural dunha festa que cada ano reúne a milleiros de persoas arredor do legado romano e castrexo da cidade.