O Arenteiro Fotográfico regresa en 2026 con 16 exposicións e unha masterclass

O festival desenvolverase do 12 de setembro ao 30 de outubro no Auditorio Municipal Manuel María do Carballiño
presentacion-arenteiro-fotografico
14 Aug 2026

O Carballiño volverá converterse este outono nun punto de encontro para os afeccionados á fotografía coa celebración dunha nova edición do Arenteiro Fotográfico. O festival, impulsado pola asociación O’Potiños coa colaboración do Concello do Carballiño a través da Concellería de Cultura, desenvolverase entre o 12 de setembro e o 30 de outubro no Auditorio Municipal Manuel María.

O avance da programación foi presentado esta mañá no salón de plenos do Concello. Durante o acto, o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, definiu a cita como “o gran encontro fotográfico do noroeste peninsular”, salientando que se trata dun espazo “para compartir fotografías de gran calidade, encontrarse con outros fotógrafos e formarse”. O edil aproveitou tamén para agraceder o “gran traballo” desenvolvido por O’Potiños para promover a cultura e a fotografía no Carballiño.

A programación desta edición incluirá un total de 16 exposicións, nas que se poderán coñecer traballos de fotógrafos locais e tamén de autores procedentes doutras zonas de Galicia e de España. Entre as novidades deste ano estará a participación expositiva de cinco fotógrafos pertencentes ao propio colectivo O’Potiños.

O programa incluirá ademais unha masterclass o 19 de setembro impartida polo fotógrafo Mario Cea, especializado en fotografía de animais e gañador de máis de 80 concursos a nivel nacional e internacional.

As inscricións para participar nesta actividade están abertas desde este venres. A masterclass será gratuíta, aínda que terá aforo limitado. As persoas interesadas en asistir poden anotarse enviando un correo electrónico a info@potinos.com. “Mario vainos explicar como fai as súas fotografías, vainos falar da súa traxectoria e estará aberto a todas as preguntas que a xente queira facer”, explicou Manuel Blanco, presidente de O’Potiños, que lembrou ademais que, aínda que a actividade non terá custo para os participantes, é necesario reservar praza debido á limitación do aforo.

Noelia Mares, representante de CCA Carballiño, outra das entidades colaboradoras da iniciativa, destacou tamén a contribución da asociación á proxección cultural do municipio. “O’Potiños sitúa ao Carballiño no mapa cultural a través da fotografía, e cada vez son máis as persoas que nos visitan para desfrutar da súa programación”, sinalou.

0.28509283065796