O Ateneo de Monforte acolle a presentación de 'Galegas na ciencia'
O Ateneo de Monforte acolle este venres, ás 20.15 horas, a presentación de Galegas na ciencia, publicado por Belagua Ediciones. O libro recolle as biografías de vinte galegas pioneiras no mundo da ciencia. No acto intervirán a autora, Isabel Blanco, e a editora, Edurne Baines.
De Isabel Zendal (1.777) a María Teresa Miras Portugal (1.948), as mulleres das que se ocupa este libro teñen en común a súa galeguidade e o feito de seren pioneiras nos seus ámbitos. Elas abriron as portas da ciencia vencendo obstáculos e, en ocasións, burlas e desprezos.
Malia os seus logros, foron silenciadas e ignoradas pola historia. Galegas na ciencia reverte esta ausencia recuperando as biografías da primeira xinecóloga, a primeira arquitecta, a primeira astrónoma, a primeira programadora… Os textos son acompañadas por magníficas ilustracións de María Lapido.
A escritora e xurista Isabel Blanco busca con este libro animar as novas xeracións a perseguir os seus sonos.
“Quixen facer un libro que axude a romper estereotipos de xénero abrindo as portas das ciencias a homes e mulleres por igual,” explica a autora. “E, para iso, decidín apoiarme na historia destas vinte mulleres científicas, que teñen que servir como referentes”.
Galegas na ciencia visibiliza a figura destas mulleres contextualizando o momento histórico que lles tocou vivir, e sinalando os obstáculos que tiveron para desenvolver as súas capacidades.
A presentación será este venres 6 ás 20:15 no Ateneo Casino de Monforte de Lemos. O acceso ao evento é libre ata completar aforo.