O Atlantic Pride despídese tras unha semana que volveu converter A Coruña na capital da diversidade

Miles de persoas gozaron de oito días de concertos, espectáculos drag e actividades reivindicativas na sétima edición do 'Orgullo do Norte', que concluíu nos Xardíns de Méndez Núñez coas actuacións de María Isabel e Ricky Merino
A CORUÑA atlantic pride 2026 (2)
13 Jul 2026

A Coruña puxo este domingo o broche final á sétima edición do Atlantic Pride, un festival que durante oito días volveu encher a cidade de música, cultura e reivindicación, consolidándose como unha das grandes citas do verán galego e como o principal festival LGTBIQ+ do norte do Estado.

A xornada de clausura reuniu a milleiros de persoas nos Xardíns de Méndez Núñez, onde o público gozou das actuacións de María Isabel e Ricky Merino, encargados de poñer o punto e final a unha programación marcada pola diversidade de estilos, xeracións e propostas artísticas.

Entre o 5 e o 12 de xullo, o Atlantic Pride ofreceu máis dunha vintena de actividades gratuítas, entre concertos, sesións de DJ, espectáculos drag, encontros e iniciativas culturais desenvolvidas en distintos espazos da cidade, con especial protagonismo para a praza de Pontevedra e os propios Xardíns de Méndez Núñez. Polos escenarios do festival tamén pasaron artistas como Zahara, Miriam Rodríguez, Whigfield, Alba Reche, Julieta, Azúcar Moreno e numerosas figuras da escena drag, como Choriza May, Pitita e Kika Lorace, ademais de artistas galegos emerxentes.

Impulsado pola Asociación Orgullo Coruña (ORCO) co apoio do Concello da Coruña, a Deputación e a Xunta de Galicia, o Atlantic Pride volveu combinar o carácter festivo coa reivindicación dos dereitos do colectivo LGTBIQ+, convertendo A Coruña nun referente da diversidade e da inclusión durante toda a semana.

Co remate desta edición, o Atlantic Pride despídese tras volver atraer a milleiros de persoas á cidade e consolidar unha cita que cada verán sitúa A Coruña entre os principais destinos LGTBIQ+ do Estado.

0.36435508728027