O Belén de Begonte inaugurará o 21 de novembro a súa 55ª edición co pregón de Xosé Merelles

A inauguración estará acompañada pola actuación de solistas das Escolas Mancomunadas de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol, dirixidas por Armando Morales
belen-electronico-de-begonte
13 Nov 2026

O Belén de Begonte abrirá as súas portas o vindeiro sábado, 21 de novembro, para inaugurar a súa 55ª edición. O acto contará co pregón de Xosé Merelles Remy, director da Axencia de Turismo de Galicia.

Natural da Rúa (Ourense) e licenciado en Ciencias da Información, Merelles desenvolveu a súa traxectoria profesional en distintos medios de comunicación antes de incorporarse á Xunta de Galicia en 1991. Desde entón ocupou diferentes postos de responsabilidade nas consellerías de Presidencia e Xustiza, así como na área de Turismo, á fronte da Axencia de Turismo de Galicia desde 2023.

A inauguración estará acompañada pola actuación de solistas das Escolas Mancomunadas de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol, dirixidas por Armando Morales.

O acto do pregón dará comezo ás 18.00 horas. Ao seu remate, procederase á posta en funcionamento do Belén Electrónico e realizarase unha visita ao Museo anexo, no que se conservan numerosos elementos utilizados ao longo dos seus 54 anos de historia.

A partir desa xornada, o Belén permanecerá aberto ata finais de xaneiro. O horario será de 11.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas os sábados, domingos e festivos ata Noiteboa, así como desde o día de Reis ata a clausura. Entre Noiteboa e Reis poderá visitarse todos os días.

As persoas e grupos interesados en realizar unha visita deberán comunicalo previamente no teléfono 629 748 609, co fin de reservar a data e a hora e evitar aglomeracións ou tempos de espera.

0.76156520843506